O partido de Eladio Fernández presentou este venres a súa candidatura por Ourense.

“Basta xa de calar”, lema de campaña de VíaNova Galicia

A cando menos chamativa imaxe do candidato berrando xunto ao lema “Basta xa de calar” conforma o cartel da campaña ás eleccións á Xunta do novo partido VíaNova Galicia, promovido polo ex político socialista e popular Eladio Fernández.

Fernández compareceu ante os medios acompañado por 10 dos 14 membros da candidatura para defender que Galicia “ten futuro” pero  que para iso “ten que tomar outro camiño”. Con ese obxectivo, VíaNova Galicia “ofrécese a esta sociedade para ser ese vehículo que lidere o cambio”, pois é “un proxecto político de galegos e para os galegos”.

Defínense como “o centro social galego”, foxen da “vella política” e dos “políticos profesionais” e aseguran que a diferenza doutros partidos, eles non son “sucursais de Madrid ou Barcelona”.

Xunto a Eladio Fernández conforman a lista por Ourense ao Parlamento galego de VíaNova Manuela Montero López, funcionaria do Sergas; Jaime José Folgoso Cuquejo, empresario gandeiro; Roberto Carlos Pozo, empresario de transportes; María Rosa Bolaño Fernández, empresaria do sector do ocio;  Pablo Fernández Díaz, empregado do sector automoción; Ana Belén Zuñiga González, administrativa;  Alba Rodríguez Sarmiento, empresaria do sector da ensinanza; María Rosa Fernández Blanco, xubilada;  Antonio Álvarez Estévez , asesor fiscal; Natalia Rodríguez González, estudante; Adrian Fernández Durán, avogado;  Milagros Vázquez Corral,  estudante; e Francisco Castro Lorenzo, traballador nunha empresa privada.

O vindeiro luns o partido presentará a súa candidatura pola Coruña.