Atenderá aos veciños do Couto, Vistahermosa e Rabo de Galo en horario de mañá e tarde.

O novo centro de saúde do Couto abre o luns

O vindeiro luns, 5 de setembro, abrirá súas portas o novo centro de saúde de O Couto, que ese mesmo día atenderá seus primeiros pacientes, para elo, ao longo dos pasados días, a Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Ourense púxose en contacto cos veciños para comunicarlle a nova oferta asistencial, da que tamén se poden beneficiar todos aqueles usuarios que por proximidade ou elección asi o desexen.

Os usuarios previstos para este centro, os veciños das rúas mais próximas, Velázquez, Remedios, Greco, Jesús Soria, Salvador Dalí, Antonio Puga, Ervedelo e, en xeral, o conxunto de rúas incluídas nos barrios de O Couto, Vistafermosa e Rabo de Galo, foron informados do seu dereito a permanecer sendo atendidos no seu centro actual ou co mesmo profesional que os viña atendendo, sen prexuizo de que máis adiante desexen facer efectivo este cambio.

A posta en marcha do Couto permitirá, seguindo o criterio de proximidade e accesibilidade, redistribuir a poboación de referencia do Novoa Santos, onde na actualidade están a ser atendidos o 95% dos usuarios previstos no Couto, o que posibilitará tamén equilibrar seus cupos.

Carteira de servizos avanzada
O sexto centro de saúde da cidade, cunha superficie de 1.500 metros cadrados, está dotado dunha carteira de servizos avanzada de atención primaria, polo que, ademais de consultas de medicina e enfermería familiar e comunitaria, contarán coa totalidade de unidades de apoio: Fisioterapia, Pediatría, Odontoloxía, Hixiene Dental, Farmacia e Traballo Social, estando prevista este mismo ano o inicio da súa actividade docente, con formación posgraduada de Atención Familiar e Comunitaria (MIR e EIR)

3,5 millóns de euros na súa construción
Cun investimento de 3,5 millóns de euros, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2007-2013, e unha partida de 153.000 para equipamento; o centro de saúde do Couto sumará unha nova partida de gasto, por parte do Concello de Ourense, destinada á urbanización do seu perímetro. Asemade, para mellorar o acceso de usuarios ata o remate destas obras de acondicionamento, o Sergas acometeu un acceso peonil con entrada pola rúa Velázquez.