O domingo 11 de setembro a capital do Ribeiro celebra a terceira edición da súa carreira popular.

Ribadavia á carreira

Este vindeiro 11 de setembro a capital do Ribeiro – Ribadavia- acollerá a súa terceira carreira popular.

As inscricións están abertas ata o xoves 8 ás 20 horas e pódese realizar a mesma na web carreirasgalegas.com. O prezo para os maiores de 18 anos é de cinco euros, mentres que para os menores a inscrición é gratuíta.

A proba é de carácter federado polo que estará supervisada por xuíces da Federación Galega de Atletismo.

Ás 11 da mañá dará comezo esta terceira edición coas categorías inferiores e cun trazado acorde ás idades dos participantes.
Sobre ás 11:40 horas está previsto que de comezo a proba absoluta con saída e chega na praza Maior de Ribadavia. Ao longo de 9 quilómetros os atletas pasarán por un trazado que os levará ata a área recreativa da Veronza (lugar onde se disputa o cross), paseos do Avia e do Miño, Francelos e os últimos quilómetros serán polas principais rúas da vila.

A carreira que está enmarcada dentro das festas patronais discorrerá entre viñedos. No apartado técnico a carreira é de perfil suave salvo nun quilómetro e medio -por Francelos- que ten unha pendente esixente.

Aposta polo deporte
Desde o Concello de Ribadavia levan facendo unha forte aposta polo deporte. O alcalde, Ignacio Gómez, declaraba que o servizo de deportes «é un exemplo a seguir» no que é unha clara aposta «polo deporte federado e non federado».

Ademais, Gómez facía fincapé en que pretenden «darlle un impulso ao pavillón municipal». Esta aposta se debe a que o deporte é saúde e ensina «grandes valores», apuntaba o rexedor.

Pola súa banda, Eladio Gómez -presidente do Club Deportivo Aurum, club organizador- puxo en valor  á vila. «Todos os atletas que participaron no Cross de Ribadavia quedaron marabillados polo circuíto da Veronza», aseguraba.