Aprobou a recepción das obras incluídas na primeira fase do proxecto de urbanización da contorna da residencia universitaria.

O Concello adxudica a explotación publicitaria dos mupis por 110.000 euros anuais

A Xunta de Goberno local do Concello de Ourense adxudicou este xoves, mediante procedemento aberto, a contratación da explotación publicitaria do mobiliario urbano. O contrato adxudícase así á empresa PM Trans Europe SL, que achegará un canon de 110.505 euros anuais. “Tratábase da segunda oferta máis vantaxosa e a que máis puntos obtivo na valoración da proposición económica, cumprindo ademais con todos os criterios dos pregos de condicións”, explicaba o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, en rolda de prensa.

E é que no procedemento tivo que excluírse a empresa licitadora que inicialmente tiña maior puntuación por non cumprir cos requisitos de solvencia técnica recollidos no prego, xa que non xustificaba que prestara servizo similar nunha cidade de polo menos 80.000 habitantes.

Xestión urbanística

Fóra da orde do día, aprobouse a recepción das obras incluídas na primeira fase do proxecto de urbanización da contorna da residencia universitaria (a denominada zona 4 do SU 25 do PXOU). Os informes indican que as obras se executaron segundo o proxecto aprobado, e se atopan en correcto estado de conservación, mantemento e uso. Trátase dun requisito imprescindible para a concesión da licenza necesaria para que poda reabrir as portas a residencia universitaria, “aínda que son trámites diferentes”, aclarou Vázquez Abad.

No acordo tamén se lle pediu á xunta de compensación deste polígono a que proceda a asinar a acta de entrega das obras ao Concello, a que constitúa a correspondente garantía por importe de 26.911 euros, para o cumprimento das obrigas de conservación, mantemento e reparación das obras durante un prazo de garantía dun ano.

Saneamento nos Viros

A Xunta de Goberno aprobou, tamén, o proxecto de execución para as obras de “Mellora da rede de saneamento nos Viros”, cun orzamento total de 203.344,02 euros, IVE engadido. O proxecto ten como finalidade mellorar e ampliar a rede de saneamento e, parcialmente, a rede de abastecemento desde o núcleo de Os Viros ata o entronque coa rede xeral de saneamento na ponte de Mende, sobre o río Loña.

Concretamente, mellorarase a rede actual de saneamento mediante a construción de novos colectores, que estarán conectados á rede municipal, e se eliminará unha fosa séptica situada xunto ao Regato dos Viros. A nova rede de saneamento recollerá os verquidos dos inmobles existentes no núcleo de Os Viros no tramo comprendido entre a parte alta de Os Viros e o entronque coa rede xeral de saneamento na Ponte de Mende, pasando por este núcleo e discorrendo paralela ao regato dos Viros ata a súa conexión coa rede municipal existente. O prazo de execución das obras é de 3 meses