As tres instalacións contan cunha ampla oferta formativa para nenos e adultos.

Medio milleiro de alumnos ourensáns de todas as idades, tanto nenos como adultos, aprenderán música, teatro e idiomas nas escolas do Concello de Ourense no novo curso escolar 2016/2017, que comezará o vindeiro luns. A concelleira de Educación, Belén Iglesias, presentou en rolda de prensa esta oferta formativa, que o Concello pon a disposición de ourensáns de todas as idades. “Xa que son actividades extra escolares, todos os cursos terán o xogo como denominador común”, afirmaba Belén Iglesias.

A Escola Municipal de Música comezará o curso escolar o 12 de setembro con 311 alumnos, dos cales 62 son de novo ingreso, e 9 profesores para impartir música e movemento para os alumnos entre os 4 e os 8 anos; práctica instrumental a partires dos 8 anos; e disciplinas complementarias (combo, orquestra e linguaxe musical).

Este curso incorpórase ás disciplinas da escola a práctica temperá do instrumento para nenos de 5 e 6 anos na especialidade de violín, que comezou como proxecto piloto o curso pasado contando coa participación obrigatoria dun pai, nai ou titor dos alumnos.

Como novidade dentro das actividades anuais, este curso a escola de música comezará unha campaña para potenciar o estudo da música non só como algo lúdico e divertido senón tamén pola importancia que ten a nivel de saúde e pola capacidade que ten para desenvolver os nosos cerebros.

Teatro

A Escola Municipal de Teatro reanuda actividade dándolle continuidade aos cursos de Iniciación, Perfeccionamento e Montaxe para adultos, teatro de 4 a 7 anos, de 7 a 11 anos, de 11 a 14 anos e 14 a 18 anos. Os matriculados aumentaron un 30% con respecto ao ano pasado: hau 88 persoas matriculadas, 48 delas por primeira vez.

Cos escolares, o obxectivo principal é achegar ao alumnado ao mundo teatral e á experimentación da arte teatral mediante traballos prácticos en distintas materias,descubrir o teatro como xogo e arte,aprender a comunicarse con soltura e desenvolver a creatividade, a imaxinación e a memoria e inculcar a nenos e nenas o gusto polo teatro pasándoo ben.

En Iniciación e Montaxe para adultos, ademais de impartir diferentes materias no primeiro curso, como iluminación, son, maquillaxe, deseño escénico e vestiario, voz e improvisación, no curso de perfeccionamento trabállase para desenvolver unha obra para o Auditorio da Escola de Artes Escénicas.

Idiomas

Este ano como novidade, as clases comezarán o día 12 de setembro e rematarán o 23 de xuño, axustándose por vez primeira ao calendario escolar. Outra novidade é que, ao rematar o curso, farase entrega dun diploma acreditativo de asistencia e número de horas para o alumnado adulto.

Os grupos de nenos abarcan de 1º a 6º de primaria e 1 da ESO, dependendo da demanda. Serán dúas sesións semanais de 50 minutos. Este curso as prazas están todas cubertas.

Os grupos de adultos -para os que aínda quedan vacantes- comezan dende “ningún coñecemento da lingua inglesa” e hasta alcanzar un nivel A2-B1, repartíndose nos grupos de Iniciación, Elemental (1, 2 e 3) e pre-intermedio (1, 2 e 3). Teñen unha sesión semanal de 100 minutos.