Tras dúas incidencias polo estacionamento de vehículos demasiado longos para as plazas deseñadas, o goberno optou por retomar o sistema anterior.

Os aparcamentos da rúa Concello volverán ser en liña

A Concellería de Infraestruturas acolleu este venres unha nova reunión na que participaron técnicos de Infraestruturas, Transportes e Policía Local, contando coa presenza ademais da xerencia da empresa concesionaria do transporte urbano, que se quixo sumar “como parte da solución”, convocada polos concelleiros José Araújo e Flora Moure, para chegar a unha solución aos problemas de tráfico na rúa Concello.

A dirección de obra acometeu un proxecto ‘valente’, a xuizo do goberno municipal, para deseñar unha optimización da rúa Concello en materia de circulación e humanización, “buscando maior fluidez do tránsito rodado ao tempo que aumentar a visibilidade na entrada en beneficio da seguridade viaria, máis espazo para os peóns, aumento do número de prazas de estacionamento -20, con dúas exclusivas para persoas con mobilidade reducida- de grandes dimensións -todas de 5 x 2’5 metros- e aumento da zona de carga e descarga, con 55 metros totais repartidos en dúas áreas de 30 e 25 metros ademais dunha zona reservada a ambulancias diante do PAC”, explicaron.

O goberno municipal ten claro que os técnicos fixeron o mellor dos deseños posibles para evitar os trastornos da dobre fila, unha práctica que viña sendo habitual nesta rúa.

Pero as infraccións no estacionamento (aparcando vehículos cunha lonxitude maior á indicada polas liñas do chan) impediron, por dúas veces, levar a cabo servizos tan fundamentais coma o do transporte urbano, polo que o goberno municipal decidiu tomar medidas e modificou o sistema de estacionamento.

Logo de avaliar diferentes posibilidades (como a de variar o ángulo das prazas aos 30º para deixar máis espazo de vía, ou incrimentar a vixianza da Policía Local sobre os estacionamentos) o Concello de Ourense toma a decisión de volver ao estacionamento en liña.

Para o novo escenario só será preciso o repintado das prazas de aparcamento, “comezando coa maior celeridade e procurando causar as menos molestias posibles no proceso”, adiantan. Co estacionamento en liña pérdense 5 prazas de aparcamento (quedarán en 15, con dúas reservadas para persoas con mobilidade reducida) e tamén a fluidez no tráfico pensada co deseño actual.

En calquera dos casos, o Concello apela “ao civismo e á responsabilidade dos cidadáns para que estacionen correctamente” e garantir así unha mellor ordenación do tráfico na rúa Concello.