“Maimiño e o espantallo máxico”, “Meigallos”, “O Raio” e “Lobos Sucios” proxectaranse entre o 17 de setembro e o 23 de novembro.

A programación de outono de Cinemas de Galicia proxecta catro filmes en Verín

Desde  o sábado 17 de setembro até o mércores 23 de novembro o Concello verinés proxectará, dentro da programación de Outono en Verín do circuíto de exhibición cinematográfica Cinemas de Galicia, catro películas na Casa da Cultura.

A programación verinesa de setembro, enfocada ao público infantil, comezará o vindeiro sábado 17, ás 18:30 horas, coa proxección da película de animación galaico-cubana  “Maimiño e o espantallo máxico”,  nomeada a mellor película de animación nos Premios Goya 2016 e mellor longametraxe de animación pola Academia Galega do Audiovisual (Premios Mestre Mateo) no ano 2015.

O seguinte sábado día 24 exhibirase, tamén ás 18:30 horas,  o filme de animación hispano- brasileiro “Meigallos”, estreado no Festival de Málaga no ano 2015.

No que respecta o mes novembro, a Casa da Cultura acollerá o segundo ciclo da programación de Outono de Cinemas de Galicia. Comezará o mércores, día 16 ás 20:30 horas, coa proxección de “O Raio”, película autorizada para todos os públicos. Esta Road Movie hispano portuguesa obtivo o premio a Mellor Director (Abycine, 2014), Premio Especial do Xurado (Festival De Ourense, 2014), Prix à la Résidence, Prix du Jury Jeune ( Bienal de Cine Español de Annecy –Francia 2014-), Mellor Película, Mellor Director, Premio Especial da Crítica (Festival de Alicante, 2014), Mellor Película (Festival Primavera do Cine de Vigo, 2014) e Mellor Película (Festival de Novo Cine Andaluz de Casares, 2014).

O mércores seguinte, día 23 -tamén ás 20:30 h- proxectarase o thriller (enfocado a maiores de 12 anos) “Lobos Sucios”, unha historia de amor e espionaxe inspirada en feitos históricos e personaxes reais.

Todas as películas que se exhiben en Cinemas de Galicia teñen un prezo de entrada de 3 euros.