 1.200 obras catalogadas, 50 de coleccións particulares e institucións, ademais de 340 debuxos e 130 óleos formarán parte do proxecto que se poderá ver no Museo Municipal, Sala Valente e Afundación.

Tres exposicións recollen unha visión panorámica da obra e do pensamento de Prego de Oliver

Vén de presentarse o proxecto expositivo Prego, 100 anos, “un proxecto singular, novidoso e interdisciplinar no que poñer de manifesto o autor por todos coñecido, pero aínda máis: un novo Prego de Oliver nas súas múltiples e integradas facetas de creador, pensador, investigador, teórico, pintor e debuxante”, en palabras do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

Este proxecto foi levado a cabo entre o Concello de Ourense, a Consellería de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, o patrocinio de Iberdrola e Afundación, sen esquecer a achega incalculable da familia, grande posuidora do legado de Prego de Oliver, museos, institucións, fundacións e particulares que puxeron nas nosas mans as súas obras máis prezadas para a difusión entre os ourensáns e todos os amantes da arte que desde o 15 de setembro até o 8 de xaneiro do vindeiro 2017 queiran disfrutar deste proxecto interdisciplinar.

Prego, 100 anos celebrará tres exposicións: “Prego de Oliver, un pintor de ideas e arquetipos. Do boceto á obra gráfica”, a partir deste xoves ás 20:00 horas na sé de Afundación; “O obradoiro: espazo de creación e materialización práctica. A súa obra inédita”, desde o 23 de setembro no Museo Municipal; e “Prego de Oliver e a captación do Eterno. O óleo como materialización da súa plástica”, na Valente a partir do 29 de setembro. Pero ademais haberá obradoiros didácticos, conferencias, publicacións e actos divulgativos que afondarán na figura do pintor e no seu modo de entender a vida a través da arte.

A figura do Prego menos coñecido

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou na presentación da exposición “a necesidade de revisitar, actualizar e poñer luz sobre os nomes deses grandes personaxes que forman parte da Cultura galega”. Natalia Figueiras, comisaria da exposición xunto a Xavier Limia, salientou pola súa banda a metodoloxía de traballo “dos soportes, técnicas pictóricas e iconografía”, analizados desde unha óptica científica para recoñecer a figura como un dos artistas máis importantes da plástica galega do século XX.

En total, 1.200 metros cadrados de espazo expositivo albergarán a obra do centenario: 1.200 obras catalogadas e inventariadas, 50 obras de coleccións e de institucións, ademais de 340 debuxos e 130 óleos. Entre todos eles, cómpre destacar polas súas dimensións os murais da Estación Marítima de Vigo, cunhas dimensións de 6×3,4 metros cada un (e que se poderán visitar in situ, xa que na exposición estarán presentes de maneira dixital) ou un óleo de 2×4 metros. Tamén estará no proxecto o mural do antigo Hotel Parque, restaurada por iniciativa da construtora Copasa e que será cedida grazas ás xestións do Concello.

O alcalde non quixo esquecer o importante esforzo de divulgación entre público escolar: Primaria, ESO e Bacharelato. “O futuro da sociedade ourensá debe ter cimentos sólidos sobre os personaxes máis senlleiros da súa cidade», dixo.