O colectivo de novos empresarios convocará os seus premios anuais o vindeiro 3 de novembro.

Os 90 asociados de AJE Ourense facturan anualmente 40 millóns de euros

O presidente de AJE Ourense, Lois Babarro, xunto aos vicepresidentes  Ana Méndez e César González, e o secretario da entidade, Germán Rodríguez,  compareceron  este mércores ante os medios de comunicación para facer balance da actividade do colectivo.

Ao longo deste ano,  realizaron un curso de comunicación corporativa impartido por Manuel Campo Vidal, sesións de networking e almorzos con dirixentes da Xunta, Inditex, o ICO, ou medios de comunicación a nivel nacional. Institucionalmente, como asociación, realizaron visitas a entidades como CEOE ou o Instituto de Crédito, organismos como o Congreso dos Deputados ou empresas como Inditex ou ABC. A faceta solidaria dos novos empresarios tamén se fixo notar este ano, no que colaboraron con entidades como Down Ourense e Aixiña, unha cooperación que pensan seguir incorporando ás súas accións futuras.

De cara ao futuro inmediato, o próximo 3 de novembro convocarán os Premios Aje Ourense, e en canto aos galardóns que convoca AJE Galicia, Ourense acollerá a súa entrega o 26 de xaneiro.

AJE Ourense xurdiu con 26 socios pero na actualidade xa son 90, pertencentes practicamente a todos os sectores, desde o márketing, a formación, as enerxías renovables ou o sector primario. As empresas de AJE Ourense teñen presenza en 25 países, facturan anualmente 40 millóns de euros e dan traballo a 315 persoas.

Desde a asociación defenden e solicitan unha actitud proactiva para loitar pola provincia e reivindicar ese futuro desde todos os ámbitos, para que os mozos poidan permanecer en Ourense.  O seu presidente, Lois Babarro, considera que en Ourense “si hai futuro” para emprendedores e empresarios, pero quen se anime a emprender ten que ter previamente “formación e actitude”. Ademais, recoñece que nos últimos anos “hai máis facilidades que nunca” para montar unha empresa, e que os trámites se reduciron. Aínda así, pide ás administracións “que nos deixen medrar, non pódese sacar froitos dunha árbore que acaba de ser plantada”.

Con todo, o presidente dos novos empresarios non está moi de acordo coa incentivación “en exceso” do autoemprego dos últimos anos. “A cultura empresarial hai que ir sementándoa aos poucos; a aposta polo sector empresarial é a medio prazo, o cortoplacismo é perigoso”, afirma, lembrando que “o 80% das empresas que se crean morren no catro primeiros anos”.  É algo que eles fan cun programa de charlas en colexios nas que novos empresarios transmiten as súas experiencias aos estudantes.