Centenas de familias non saberán ata outubro ou novembro se contan coas axudas municipais.

Ourense en Común interpelaba á concelleira de Benestar ao respecto do proceso de concesión de axudas para comedores escolares e libros de texto que, co curso escolar comezado, continua sen resolverse.  Segundo OUeC, Sofía Godoy, a concelleira responsable desta área, non foi capaz de xustificar os motivos polos que o proceso non está aínda resolto, limitándose a responder que “noutros concellos tampouco se resolveu”.

Ledicia Piñeiro, de Ourense en Común, preguntaba tamén á concelleira sobre como están afrontando o curso os nenos que polo momento están á espera da resolución, e cuxas familias non dispoñen de capacidade económica para dotarse dos libros que a actividade académica require; unha cuestión á que Sofía Godoy non deu resposta, admitindo descoñecer como está a afectar a situación aos nenos, e recoñecendo que o Concello non adoptou ninguna medida para paliar as posibles incidencias que esta demora no trámite municipal puidera implicar para o correcto desenvolvemento das clases.

As bases deste proceso inconcluso, publicadas no Boletín Oficial da Provincia o 6 de xullo, esixían aos solicitantes cinguirse a uns prazos que, no caso de resultar beneficiarios, xa non poderán cumprirse, xa que o regulamento establecía como límite o 15 de setembro para xustificar as axudas.

«A 14 de setembro e co curso empezado, quen non cumpre os prazos é o Concello”, apunta Ledicia Piñeiro de Ourense en Común; e é que, cando se publiquen as listas provisionais destas axudas, haberá aínda dez días para reclamacións. “Podemos poñernos no mes de outubro ou novembro e as familias non saberán se dispoñen de comedor ou se contan con axudas para libros. Nas aulas haberá nenos con material escolar e outros sen el, en desigualdade, e son xa familias en situación de risco de exclusión. A despreocupación da Concelleira de Benestar é inadmisible”, apunta Ledicia Piñeiro.

Ourense en Común denuncia que perto de 250.000 euros, a contía destas axudas, estean bloqueados «pola irresponsabilidade e falta de dilixencia do goberno con esta resolución».

A este respecto, o alcalde de Ourense precisaba este martes que este ano houbera «máis solicitudes que nunca» e que os funcionarios están traballando «mañá e tarde» para resolvelas.