Vén de asinarse o protocolo para executar esta actuación entre o Concello de Ourense e a Consellería de Cultura.

A Xunta compromete 1,6 millóns para un novo museo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, acudiron este luns ao Concello de Ourense para asinar co alcalde da cidade, Jesús Vázquez, un protocolo para promover un novo museo en Ourense. Un “acto administrativo”, en verbas do rexedor, que permitirá que a Administración autonómica teña por fin un espazo museístico propio na cidade, e ao que, previsiblemente en vindeiras datas, “se sumen outras administracións e institucións”, puntualizou Jesús Vázquez.

En concreto, o novo museo, cuxos contidos están aínda por definir, ubicarase na contorna do recinto cultural de San Francisco, no espazo que ocupou no seu día a antiga igrexa de San Francisco, templo do século XVII que foi trasladado en 1929 ao parque de San Lázaro.

Será a Consellería de Cultura,Educación e Ordenación Universitaria a que finaciará a actuación, con 1,6 millóns de euros repartidos en dúas anualidades (2016 e 2017) mentres que o Concello de Ourense levará a cabo a contratación do proxecto e das obras.

O presidente da Xunta explicou que este investimento parte dunha proposta que o alcalde ourensán lle fixo directamente, e que grazas a el, “non só conseguiremos rescatar as ruínas franciscanas, senón que as poremos en valor como eixo dun espazo útil e como un espazo para o conxunto da cidadanía”.

A actuación prevista implica a musealización dos restos conservados in situ, “o que nos permitirá ter unha idea aproximada de cómo era o templo”, explicou Núñez Feijóo, e a dotación de todos os servizos para que o espazo “se convirta nun lugar vivo no que se poidan desenvolver todo tipo de actividades culturais como exposicións, conferencias…”. O xefe do Executivo galego arda que o Goberno municipal aproveite estas instalacións para proporcionar unha oferta cultural “á altura da cidade”.

Sinatura “electoralista”
Tanto o grupo municipal socialista coma o de Ourense en Común censuraron este acto público de sinatura do convenio de colaboración entre o Concello e a Consellería de Cultura por consideralo electoralista.

Para os socialistas, trátase dun acto “puramente electoralista no que esquecen recordar que este proxecto procede xa do ano 2010, cando o PSOE gobernaba en Madrid, e que tralo cambio de Goberno central, foi paralizado e bloqueado polo PP ata a data. Un proxecto que xa fora presupostado nos Orzamentos do Estado para esta provincia e que agora o PP saca do baúl en plena campaña electoral das Autonómicas”.
Para Ourense ne Común, “evidencia un afán electoralista única e exclusivamente para recadar votos a menos dunha semana da cita electoral”, apunta Martiño X. Vázquez de Ourense en Común.

Ourense en Común denuncia que “namentres que o Museo Arqueolóxico continúa pechado desde hai máis de 15 anos, vén agora o presidente en funcións a pechar un acordo para un novo espazo museístico, do que se descoñece o seu contido e función específica.”