Un gol do dianteiro no segundo tempo deulle a vitoria á Unión Deportiva Ourense diante do Vilariño.

Partido intenso como poucos o vivido no Medo na tercerira xornada da Primeira Galicia entre o Vilariño e a UD Ourense.

Na primeira metade moita intensidade pero poucas ocasións en cada portaría.

Os locais presionaban con dous xogadores a cada xogador visitante que tiña o esférico. Co empate a cero no luminoso retiraríanse os xogadores a vestiarios en busca de descanso tras unha batalla de 45 minutos.

Na segunda metade, tanto Quino coma Dacosta fixeron cambios en busca de alterar o marcador;  e foi o segundo o que deu coa tecla.

O arranque de segundo tempo estivo marcador pola saída en estampida dos unionistas o que os levou a dispor de varias oportunidades antes de que chegara o único tanto do encontro.

Os xogadores de refresco Adrián e Unai foron fundamentais no gol, o primeiro polo centro e o segundo polo remate. Rubén Durán cedeu na banda a Adrián que galopou por ela ata internarse na área para que, o seu centro raso, chegara a Unai e iste non perdoou diante de Marcos -moi seguro durante todo o encontro-.

Nos últimos minutos tocoulle sufrir a unha Unión Deportiva Ourense que tivo que atrincherarse arredor de Lucas Sierra ante o empuxe dos de Quino Iglesias.

O marcador non se movería e a UD suma seis puntos en liga os mesmos que o Vilariño. A clasificación lideraa o Bande; venceu ao Arnoia (1-3) e continúa  invicto na Liga.