Entrevista a Marisol Díaz, nº 1 da lista do PP por Ourense.

«Hai dous camiños: ou o proxecto estable do PP ou o lío»

Marisol Díaz Mouteira (Alemaña, 1967), licenciada en Dereito, e funcionaria do Corpo Superior da Xunta de Galicia. Dende o ano 2003 ocupou diversos cargos representando ao Goberno galego na provincia de Ourense.

Vostede non é novata en política, pero si é a primeira vez que encabeza unha candidatura, cambia moito a situación?
Marisol Díaz: “Moito, ata agora me confiaron distintas responsabilidades xa no goberno de Fraga e no 2009 con Alberto Núñez Feijóo, finalmente na Delegación da Xunta en Ourense. Nesa etapa que fixo Marisol? Traballar e sacar adiante as responsabilidades que en cada momento se me deron. E agora encabezar a candidatura por Ourense non pode ser máis que unha honra para min e unha tremenda responsabilidade.

Calquera dos compañeiros que van comigo na lista estamos a traballar por facer chegar o programa no que nós cremos a todos os ourensáns pero como cabeza de lista traes unhas responsabilidades un pouco máis grande, paseando máis a provincia, chegando a máis xente. É unha gran responsabilidade pero fácil porque vivín os tremendos esforzos que durante estes anos tivemos que facer, nesta segunda lexislatura de 2012 xa fomos camiñando un pouquiño mellor, podendo chegar a máis. Desde a xestión pública que levo facendo este anos creo que a transmisión da mensaxe do PP éme máis sinxela”.

O PP de Ourense non necesita facer campaña?
M.D.: “Non, non, por suposto que si”.

Dígoo polos resultados que lles dan as enquisas.

M.D.: “O PP non traballa segundo vaian as enquisas. Aquí empézase a traballar desde a mañá cedo, repartíndose os actos do día entre todos os compañeiros e recorrendo a provincia sen descoidar ningún rincón para trasladar a nosa mensaxe e o noso traballo. Temos os votantes do PP pero temos que aspirar a máis, temos que pedirlle a máis xente que nos dea a oportunidade de seguirlle demostrando que temos uns feitos e unhas realidades e queremos seguir avanzando”.

Que destaca da xestión do PP nestes 8 anos de goberno como positivo para Ourense?
M.D: “No noso programa está todo detallado o balance do que se fixo e o que queremos seguir facendo. Chegamos en 2009 cunha situación caótica e eu vivino en Educación, cunha crise económica que non recordamos outra parecida, e cada vez que tiñamos unha reunión en Santiago a pregunta era como podíamos afrontar esa situación tan crítica porque cada vez que abríamos un caixón había facturas sen pagar.

Houbo moitos esforzos dos que estábamos traballando na administración, dos profesionais da sanidade, da educación…, e dos propios galegos e galegas; moitos desvelos, para poder chegar a todo, para poder cubrir as políticas sociais, o benestar, a sanidade e educación, traballamos moito.
No 2012 a situación quizais foi mellorando, empezáronse a ver os froitos desdes esforzos que fixéramos antes, empezáronse a abrir ese camiño de recuperación que podemos chegar a máis, e así queremos seguir.

Temos un balance importante e os feitos están aí, non podemos falar nin de demagoxias nin de fume. Por exemplo que durante estes anos investiuse en sanidade, un feito innegable que é a ampliación do complexo hospitalario, o centro de saúde do Couto, o que se está construíndo en Barbadás, os que se van construír en Paderne de Allariz, en Pontedeva. En centros escolares só nestes verán 89 centros educativos foron obxectos de mellora, un novo edificio xudicia; son 22.000 prazas de escolas infantís que hai neste momento, superamos a media europea. Insistimos en educación, que sempre nos falan de recortes, temos a maior rato de profesores por alumno. En inclusión social que sempre nos están criticando, hoxe hai máis atención á diversidade que nunca; un 91% de alumnos con necesidades educativas especiais están sendo atendidos en centros ordinarios.

Pódoche seguir enumerando proxectos sociais, a tarxeta benvida que agora anunciou o presidente que se ía alongar ata os tres anos, o bono concilia, o bono coidado. Cando hai listas de espera nas escolas públicas, eses nenos quedan atendidos e os país non teñen por que pagar un só euro.
Me emociono porque creo tanto neste proxecto, que lle dá estabilidade á Galicia. Temos estabilidade e así queremos seguir, no camiño da prosperidade.
Algo novidoso que onte o presidente veu de anunciar que é a Galicia 0-35 un paquete de medidas dirixidas á poboación de 0 a 35 anos, iso é importante.

Nós queremos fixar poboación no rural, potenciar aqueles sectores ou explotacións e produtos da zona. Imos axudar aqueles sitios que non teñen un punto de atención á infancia ou unha escola infantil coas casas-niños, que eu creo que é o proxecto estrela no ámbito de políticas sociais».

Por que non se implementaron antes estas medidas, porque os datos demográficos e socio económicos de Ourense non son bos.
M.D.: “Desde o 2009 levamos traballando nesto: as axudas cando non había prazas, as melloras en colexios, en infraestruturas xudiciais fixéronse ano tras anos… estas medidas dentro das posibilidades que tiñamos e do que había viñéronse facendo desde o minuto un.
Que pasa? Que ao mellor neste último ano concentrouse máis. Nos tachan de electoralistas pero porque ata agora fomos investindo pero con certa contención, foise cumprindo co déficit e o resultado foi que houbo un fondo de superávit co que se nos premiou por cumprir coas contas. Ese fondo de superávit ten que reverter nos galegos e nas galegas e é o que se está facendo”.

Que escenarios político se plantexa o PP tralo 25S?
M.D.: “Será o que os ourensáns e as ourensás queiran, é dicir, que dúas posibilidades hai? Seguir polo camiño da prosperidade, da recuperación, cun proxecto estable, sólido e forte que é o do PP ou por outro lado o que entendemos que pode ser un lío, un multipartito; e insisto, eu volvín a un goberno despois dun bipartito que nos levou case á quebra de Galicia. Agora hai dous camiños: ou o proxecto estable do PP para o que precisamos esa maioría suficiente para gobernar, ou o lío, o outro día o vimos no debate, todos contra Feijóo.

Outra diferenza: nós temos un programa que podemos cumprir desde as 12 e un minuto do 26 de setembro, sen embargo ao que temos enfronte, ese multipartito, vailles levar uns días, meses, que parte de cada programa de quen se vai levar a cabo, os que teñen programa porque hai algúns que aínda non o coñecemos. Iso vai paralizar a Galicia durante moito tempo”.

Volvendo ao programa, que previsións de investimentos ten o PP para a provincia de Ourense?
M.D.: «Está pendente a conexión da A52 co polígono de san Cibrao, e seguiremos escoitando as necesidades de cada un dos concellos, como fixemos ata agora, de infraesturas de saneamento, de abastecemento, de mellora de camiños, etc.

Falaba o presidente dun novo balneario para Ourense para explotar o noso potencial termal, e ese parque acuático para potenciar o complexo de Monterrei».

E en políticas de emprego?
M.D.: “Neste momento Galicia está a crecer e a crear emprego. Que temos que seguir mellorando? Evidentemente. Hoxe temos case 84.000 parados menos, baixamos desde o ano 2009 dos 200.000 parados, o paro xuvenil baixou ao redor do 15%. Iso non é dicir que nos conformamos queremos seguir mellorando, queremos seguir coa captación de talento. Hoxe 2.500 investigadores están facendo investigación con axudas da Xunta. Queremos seguir reforzando a Formación Profesional adaptándoa ás necesidades de cada contorno e do que a sociedade vai demandando.

Tamén se vai seguir axudando aos novos autónomos, e ás embarazadas autónomas coas cuotas da Seguridade Social que se lle financiarán».

Por que deberían os ourensáns votar o PP nestes comicios?
M.D.: “Creo que o PP nestas dúas lexislaturas falou con traballo, a frase que máis me gusta é a que encabeza o noso programa electoral: o noso discurso é o noso traballo. Non é un eslogan, dígoo porque o creo e o aplico no día a día. Cun proxecto estable, unido e forte, e cun programa que se cumplirá desde o minuto un”.