Entrevista a Noa Presas, nº 1 da lista do BNG por Ourense.

«Non abonda con botar o PP, hai que ter un proxecto político para este país como o que temos nós»

Noa Presas (Ourense, 1987), estudou Filoloxía e exercía como teleoperadora, aínda que agora atópase en excedencia traballando para a organización nacionalista de forma temporal. Logo de presentarse ás dúas últimas eleccións xerais pola circunscripción ourensá, Presas opta agora a un posto no Parlamento galego.

Á terceira irá á vencida para Noa Presas?

Noa Presas: “Agardo que si, o certo é que todo o mundo me fai esa pregunta, porque este ano coincidiron unhas eleccións moi achegadas. No bng é moi habitual aproveitar as eleccións xerais sobre todo nas provincias nas que nunca conseguimos representación para dar a coñecer  novos perfís, que se non é complicado que saian da parte interna da organización.  Estamos, e estaremos as veces que faga falta”.

Que diferencia ao BNG doutras opcións políticas que se presentan?

N.P.: “Nós entendemos que o noso é un proxecto de lealdade e defensa deste país e da súa xente, que ten catro décadas de historia, unha historia que ten tido seguramente moitos erros  pero tamén moitos acertos. Realmente a día de hoxe non hai ningunha outra organización política que se defina como nacionalista e que actúe como tal. É certo que vivimos no tempo do novo e dos movementos, nós estamos dispostos a dialogar con quen sexa pero sen perder a nosa identidade cun proxecto colectivo que entendemos que sigue tendo plena vixencia, que ten ademais implantación en numerosos concellos, no Parlamento e noutras institucións, e que aspiramos a recuperar confianza dos veciños e veciñas e manter un bo resultado e o grupo parlamentar”.

O certo é que as enquisas non lles están dando moi bos resultados.

N.P.: “Se as enquisas revelaron algo nas anteriores eleccións é que non están atinando demasiado. En todo caso nós estamos percibindo nesta campaña electoral unha recuperación tanto en expectativa de voto coma en porcentaxe, que vai aumentando das anteriores eleccións xerais ata estas últimas enquisas e esperamos mantelo”.

Que medidas concretas ten o BNG para reverter os principais problemas da provincia de Ourense?

N.P.:  “Entendemos que os principais problemas desta provincia son sobre todo o desemprego e a falta de poboación e o desaproveitamento do rural. Todo isto require de cambios profundos, nos gusta dicir que non abonda con botar o PP, que hai que ter un proxecto político para este país como o que temos nós, de cambios profundos, pero en todo caso en tanto non se produza eses cambios profundos aos que aspiramos, que van levar tempo, nós non lles dicimos aos electores que imos rematar co desemprego en 45 días, temos medidas tamén para as urxencias.

Especialmente, promovemos unha renda de garantía social para garantir que non haxa ningún só fogar en Ourense que non teña un ingreso mínimo de subsistencia, tanto para ter opcións sociais como económicas de recuperación. Outra cuestión importante para nós é o Plan Retorna, para elaborar desde a Xunta por diferentes sectores estratéxicos de cara a incentivar o retorno das últimas persoas que teñen marchado do país, nomeadamente da mocidade, e mocidade formado, como serían por exemplo incentivos para a contratación”.

No panorama político que se pode abrir a partir do día 26 de setembro, que papel vai xogar o Bloque?

N.P.: “Cremos que imos xogar un papel xa desde o 25 de setembro onde en concreto en Ourense disputamos o último escano ao PP. A partir de aí nós confiamos en ser a chave dun cambio político; temos demostrado na nosa historia capacidade de sobra de diálogo con outras forzas políticas, un diálogo que desde logo non van ser cheques en branco pero que por nós non deixará de haber e agardamos que este país poida abrir un tempo novo. A relación de forzas terá que decidila democráticamente a cidadanía pero confío en que poidamos contribuirr a poñer fin á era Feijóo como no seu día contribuimos a poñer fin á era Fraga”.

Non vai haber cheques en branco pero haberá liñas vermellas, no caso de poder formar un goberno de coalición?

N.P.: “Teremos que falalo pero hai cuestións que para nós son fundamentais como a renda de garantía social ou outras cuestións de fondo que afectan directamente a Ourense. Un exemplo, o cambio na política forestal de cara a aproveitar o monte de maneira multifuncional e a aproveitar cuestións prácticas que desde Medio Rural se levaron a cabo no bipartito e que demostraron a súa validez e que foron desmanteladas polo PP, por exemplo, o banco de terras. Iniciativas deste tipo, que nós temos avaliado, cremos que son cuestións á poñer na balanza á hora de artellar un novo goberno.

A nosa liña vermella sempre será a defensa da maioría social deste país e da súa identidade. Confío en que sexamos capaces de ser flexible pero de promover eses cambios profundos.  Nós entendemos que neste contexto de emerxencia non abonda cun cambio de xestor, entón non nos limitaríamos a xestionar mellor con outros axentes senón a promover cambios profundos que supoñan a medio prazo un cambio importante para as nosas condicións materiais de vida”.

Por que deberían os ourensáns votar ao BNG o 25-S?

N.P.: “Porque somos garantía de promover unha alternativa ao PP, hai outras forzas políticas que concorreron ás eleccións do Estado e que lamentablemente non poden dicir iso e porque poden mirar a nosa historia. Podemos ter cometido erros no pasado porque o que ten actuar políticamente nas institucións, pero desde logo sempre que o bng pasou por unha institución fose un concello, unha deputación ou o parlamento, desde o goberno ou a oposición foi garantía de melloras para todos. Por exemplo, recentemente grazas á insistencia dunha deputada nacionalista recuperouse o salario da liberdade para todas as mulleres maltratadas durante todos os meses do ano. Ou cuestións que están saíndo na campaña electoral foron promovidas polo BNG desde as institucións como a gratuidade dos libros de texto. Outorgarnos a confianza penso que ten un selo de garantía”.