OUeC pretende garantir con esta moción que o funcionamento da administración local sexa máis eficaz e transparente.

Ourense en Común presentou unha nova moción de cara ao vindeiro pleno ordinario municipal, no que buscará o consenso para que o funcionamento da administración local sexa máis eficaz e transparente que ate o de agora.

Así, a moción insta ao equipo de goberno a proporcionar de xeito automático ao resto de grupos da corporación a correspondente copia da documentación referida a convenios, contratos e outros acordos que aquel subscriba, sen necesidade de solicitalo expresamente como agora acontece.

Ourense en Común xa denunciou en numerosas ocasións a opacidade coa que o goberno do Partido Popular xestiona a firma de convenios e a toma de decisións en Xuntas de Goberno e comisións, sen facilitar ao resto de grupos os antecedentes, datos e informacións pertinentes e precisos para o desenvolvemento da súa función na oposición. “Se temos en conta que o traballo dos grupos da oposición é a fiscalización e control das actuacións do equipo de goberno pedindo contas das mesmas e transmitíndoas á cidadanía, non cabe dúbida que é necesario que ditos grupos posuamos toda a documentación para poder dar cumprimento a dita encomenda fiscalizadora dun lado, e transparente doutro”, apunta Martiño X. Vázquez, voceiro de Ourense en Común.

A moción xustifícase acolléndose á Lei de Bases de Réxime Local, ao Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais (ROF) e á Lei de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno aprobada no ano 2013, que outorgan á transparencia unha estreita e indisoluble vinculación coa esencia da democracia e a consideran un principio indispensable do estado de Dereito, en canto que posibilita o control e a rendición de contas en todos os ámbitos da xestión pública. Son numerosas as normas xurídicas que regulan o acceso á información como un dereito dos e das concelleiras, amparado pola Constitución, sen limitación temporal,e para todas, ben sexan do goberno, ben sexan da oposición.

“Representamos ás veciñas e as veciñas teñen o dereito a saber que ocorre no interior dos poderes públicos que están ao seu servizo, dereito a controlar a legalidade e a oportunidade das decisións que se adoptan, dereito a coñecer como se utilizan os fondos públicos e cal é o seu destino”

Ourense en Común pretende garantir con esta moción unha transparencia máis efectiva no Concello, sen necesidade de que os grupos da oposición teñan que coñecer por fontes alleas á Corporación, como a prensa local, a existencia dos documentos que o goberno aproba.

A moción someterase á votación do pleno o próximo venres 7 de outubro.