Desde a Xefatura Territorial da Consellería de Política Social cuestionan que as críticas veñan só dun dos cinco sindicatos representados no comité de empresa da Consellería.

A CIG denuncia “deficiencias” na escola infantil de Covadonga

O delegado da CIG no comité de empresa de Política Social, Manuel Gallardo Canitrot, denunciou este venres “deficiencias” na escola infantil “Virxe de Covadonga”. Gallardo Canitrot, que compareceu ante os medios acompañado dun pai e dunha traballadora da Consellería, sinalou que desde fai un ano “a actitude prepotente e dictatorial da directora da escola” ten ocasionado que  sete dos 12 traballadores da gardería teñan presentado unha denuncia por acoso laboral ante a Xunta. Algúns dos empregados estiveron de baixa ou en tomando medicación por este mestivo, subliñou.

Porén, a resposta da Administración non chegou:  “algunhas das demandas levan cinco meses e non se ten noticia de que se resolvera ou investigara”, puntualizou o sindicalista.  Tampouco nada saben da información reservada aberta pola Consellería: “fai máis de seis mesees e aínda non temos noticia”.

Para apoiar as valoracións do sindicato, José María Martínez, pai de dous cativos de 11 meses e 2 anos que acuden a esta gardería, relatou que “a escola tiña boa zona” e “os problemas veñen desde que se xubilou a directora”. “Vemos condutas estrañas, falta de información, non hai participación das familias en ningunha das actividades, non coñecemos o regulamento interno, nin o proxecto educativo”, indicou. Este proxenitor referiu o caso do seu fillo maior, que nun só curso “tivo seis persoas de apego diferentes; isto inflúe na educación dos meus fillos”. Martínez dixo que enviou por escrito a súa queixa ao xefe territorial de Política Social e á propia Consellería  en Santiago “e sigo sen ter resposta”.

Por estes motivos, desde a CIG piden o cese do xefe territorial de Política Social, José Selas, a quen acusande “deixación” de función cando “desde hai máis dun ano  é coñecedor da situación”.

Resposta da Xefatura Territorial

Ante as críticas vertidas pola CIG, a Xefatura Territorial da Consellería de Política Social en Ourense emitiu un comunicado no que se indica que o xefe territorial  “recibiu a todos os traballadores, representantes sindicais, comité de empresa, e a todos os actores sen excepción de ningún tipo, que solicitaron falar da escola infantil “Virxe de Covadonga” coa Xefatura Territorial, para calquera asunto, polo que todos obtiveron resposta.

Engade o comunicado que a documentación que obrigatoriamente ten que presentar a escola para este curso xa foi remitida o 16 de stembro aos servizos centrais da Consellería, e que a propia inspección visitou este xoves 22 o centro.

Referente ao tratao da dirección aos traballadores, desde a Xefatura recordan que se abriu un expediente informativo a petición do comité de empresa “que rematou coa correspondente conclusión,  que logo foi remitido os Servizos Centrais da Consellería”.

Á Administración autonómica chámalle a atención que “soamente sexa a CIG, a que cuestione as actuacions da Administración, xa que no cómite de empresa tamén estan representados CC.OO, a UXT, CSIF e SUMA”.