Os 40 participantes en “ConBOrumbo” recibirán formación durante 6 meses a través dunha iniciativa financiada pola Xunta.

CEO e Concello impulsan un programa para dar saída laboral a persoas con problemas

A CEO e o Concello de Ourense porán en marcha un programa para reinsertar no mercado laboral a persoas que se atopan en situación de exclusión social ou en risco de sufrila; será a través do proxecto “ConBOrumbo”, no que a Confederación Empresarial de Ourense aportará formación aos participantes e buscará empresas nas que poidan entrar a traballar. O concello de Ourense, pola sua parte, aportará as persoas susceptibles de participar neste programa a través da documentación que manexan os Servizos Sociais municipais. A iniciativa contará, asimesmo, co respaldo decisivo da Consellería de Política Social, que aportará a financiación.

Así o explicaron onte o presidente da CEO, José Manuel Pérez Canal; o director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado; e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez.

No desenvolvemento do programa “conBOrumbo”, dixo o presidente da CEO, será básica a estreita colaboración co Concello, ata o de agora non explorada no eido da inclusión social. Acollerá a 40 persoas cun perfil que supera os 35 anos, con estudos medios e en desemprego dende hai mais dun ano. En total serán 1.400 horas ó longo de seis meses, que suporán un investimento directo de 42.043 euros por parte da Xunta, aos que haberá que sumar os custes da infraestructura aportada por CEO e Concello na fase previa de acceso ó programa.

Jesús Vázquez agradeceu “o labor do persoal de Servizos Sociais, que mesmo con dificultades de persoal non regatea dedicación para tratar de respostar ós problemas plantexados”. Lembrou que atenden unha área “moi delicada, porque se trata de persoas con problemas de distinto signo e situacións moi complexas”, que componen un colectivo amplo, xa que segundo indicou o alcalde, nestes momentos “hai constancia oficial de 2.100 persoas con problemas e dificultades de índole variada, pero seguramente hai mais, porque hai xente que ten reparos a dar a coñecer a sua situación persoal”.

O rexedor ourensán avanzou que esta colaboración institucional terá continuidade e que mesmo podería concretarse “nas próximas duas semanas”, a través “dunha iniciativa pioneira” en Galicia.