Está organizada por Amigos da Terra e o concello, e será o luns 26 ás 19 horas na Casa da Xuventude.

Charla informativa en Xinzo sobre voluntariado europeo

Amigos da Terra comeza un proxecto de promoción entre a mocidade galega do  Servizo Voluntario Europeo (SVE). Este programa fomenta a mobilidade dos mozos e mozas europeas para que coñezan as diferentes realidades doutros países participando en iniciativas sociais, artísticas, culturais, do patrimonio ou medio ambiente. Este voluntariado ao ter lugar no estranxeiro, amplifica as súas vantaxes, xa que non só se trata de desfrutar dunha experiencia persoal única se non que se adquiren coñecementos e se fortalecen habilidades craves que son altamente valoradas polas empresas. Sen embargo, a pesar das innumerables vantaxes que teñen este tipo de programas, sabemos que son practicamente descoñecidos entre a mocidade e incluso entre as entidades, xa que en Galicia apenas existen organizacións tanto de envío como de acollida.

Polo tanto, a través do programa Iniciativa Xove da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Amigos da Terra, unha asociación con máis de 16 anos de experiencia na xestión deste tipo de voluntariado, vai levar a cabo distintas presentacións nos concellos cabeceiras das comarcas do sur de Galicia ata mediados de outubro. O obxectivo non é só difundir o SVE e as súas vantaxes entre a mocidade galega, se non intentar que se sumen máis entidades para enviar e acoller voluntariado de outras nacionalidades.

Nestas charlas levarase a cabo un primeiro achegamento ao SVE, as súas vantaxes, os requisitos de participación, a duración, as actividades que se poden levar a cabo e as condicións de financiamento. Tamén se contará ca testemuña de Kelli Goris, de Holanda, que achegará a súa vivencia como voluntaria na asociación. Nesta xornada tamén se resolverán todas as dúbidas das persoas asistentes sobre este programa.

A próxima terá lugar en Xinzo de Limia, será o próximo luns 26 de setembro, ás 19 horas na Casa da Xuventude.