O PP vence con rotundidade nas eleccións deste 25 de setembro, repetindo os 41 deputados de fai catro anos.

Feijóo revalida a súa maioría absoluta

O Partido Popular proclamouse claro vencedor das eleccións ao Parlamento galego celebradas este domingo.  Alberto Núñez Feijóo revalida por terceira vez a súa maioría. O PP obtén 41 escanos, fronte aos 14 da segunda forza máis votada, En Marea; os mesmos 14 que obtén o PSdeG-PSOE. O BNG continúa como cuarta forza do Parlamento galego, con seis deputados. Ciudadanos non obtén representación na Cámara galega.

No caso da provincia de Ourense, o PP alcanza o noveno deputado, o PSdeG perde dúas actas das que tiña en 2012, quedando con só dous representantes no Parlamento galego, En Marea consegue dous escanos (en 2012 AGE obtivera 1) e o BNG mantén o que tiña. Democracia Ourensana é a quinta forza en voto, aínda que non acada representación.

Marisol Díaz Mouteira, Miguel Santalices, José Luis González, Antonio Rodríguez Miranda, Cristina Romero, Marta Novo, César Fernández, Moisés Blanco e Marta Rodríguez-Vispo (do PP), Noela Blanco e Raúl Fernández (do PSdeG), Ánxeles Cuña e David Rodríguez (de En Marea) e Noa Presas (do BNG) serán os representantes ourensáns no Hórreo na próxima lexislatura.