A celebración terá lugar en Ourense os días 30 de setembro e 1 de outubro.

Un Congreso Internacional analizará a figura do educador social no contexto escolar

Un Congreso Internacional analizará a figura do educador e educadora social no contexto escolar, concretamente os días 30 de setembro e 1 de outubro, Ourense converterase nunha das capitais mundiais de Educación Social, pois acollerá o “I Congreso Internacional e III Xornadas de Educación Social e Escola”.  Na súa presentación participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o educador social, Alberto Fernández; o vicedecano de Educación Social da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense, Xosé Manuel Cid; e a presidenta da Asociaçao dos Educadores e Educadoras Sociais do Estado de Sao Paulo (Brasil), Valeria Aroeira.

O vicepresidente da Deputación de Ourense sinalou que este congreso “converte a Ourense nun punto de encontro entre o profesorado e os educadores sociais, para coñecer así a realidade e poder diagnosticala”.

Alberto Fernández explicou que este congreso se realizará en Ourense “porque fai dez anos xa fixemos dúas xornadas premonitorias destas, por iso son as terceiras, falando de si a Educación Social na escola se necesitaba e alí vimos que sí. E dez anos despois, decidimos facer formato congreso porque vimos a demanda que hai por parte dos profesionais da Educación Social e da Escola”.

O obxectivo deste congreso é analizar a figura da educadora e educador social no contexto escolar así como coñecer a realidade do noso país e doutros territorios da Península e doutros países, para facer visible a relevancia da Educación Social neste ámbito. “Temos máis de 150 persoas apuntadas a este Congreso de Galicia, Portugal, Cataluña, Brasil, entre outros”, afirmou Alberto Fernández.

O vicedecano de Educación Social da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense asegurou que “Ourense será, nos próximos días, unha das capitais mundiais de Educación Social, porque tamén se desenvolverán congresos sobre educación social en outros lugares como Oporto. Ademais temos a honra de que o Día Internacional de Educación Social se veña a celebrar aquí, no marco incomparable do Liceo”.

Manuel Doval expresou a súa satisfacción porque Ourense acolla esta celebración tan importante nesta materia, “porque o educador social non pode ser substituído por ningunha outra figura. Todos os participantes van a mellorar, con este congreso, os seus coñecementos para poñelo ao servizo dos demais”.

Pola súa parte, Valeria Aroeira dixo que participar na organización deste congreso “está a ser unha aprendizaxe tamén para nós, porque estamos, neste momento en Brasil, a discutir sobre a regulamentación da profesionalización do educador social, porque non temos aínda a formación de Educación Social en nivel superior”.