O grupo scout laico da cidade comeza as súas actividades anuais con duas actividades especiais para dar a coñecer a súa oferta educativa.

Nos próximos días o Grupo Scout ILEX 959, integrante da federación ASDE – Scouts de Galicia, inicia un novo ciclo anual de estimulantes e divertidas actividades que se desenvolverán cada sábado pola tarde, de 16:30 a 19:30 horas, nas instalacións do Espazo Xove que irán alternando con outras en contacto coa natureza como rutas ou campamentos.

Pero este inicio de xeira comeza con dúas actividades especiais, grazas ao apoio económico do programa Iniciativa Xove da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, e que teñen por obxecto darnos a coñecer e animar a máis nenas e nenos a vivir con nós a aventura scout.

A primeira dela é «Xogos na rúa». Este sábado 1 de outubro, de 17:00 a 19:30 h. na praza de San Antonio realizarán xogos para rapaces e rapazas de entre 8 a 14 anos, nunha actividade aberta á participación doutros rapaces e rapazas, e as súas familias, que poderán facer unha toma de contacto coa nosa entidade e gozar coas nosas activas e divertidas propostas. Ademais estaremos facendo e repartindo gratuitamente flocos de millo entre as persoas que se acheguen a coñecernos.

A segunda, o campamento «academia de exploradores/as». Entre os próximos 7 e 9 de outubro convidarán a 40 rapaces e rapazas a vivir unha auténtica experiencia scout en contacto coa natureza, cun campamento 100% gratuíto e será un xeito de presentar o tipo de actividades que nos caracterizan como scouts que iremos traballando ao longo do ano. Faremos orientación, xogos, lume de campamento, rastrexos, astronomía, cancións, moitas risas e en definitiva unha chea aventuras ambientadas no mundo da exploración que terán como base o albergue das Corcerizas, no municipio de Vilar de Barrio.