O Concello de Ourense amplía este ano a oferta formativa do programa Universidade Popular, un dos máis participativos dos que se desenvolven na cidade, e que na próxima edición 2016/2017 contará cun total de 133 actividades formativas, o número máis alto da súa historia.

O programa incorpora 42 novos cursos e obradoiros e dálle continuidade a outros 91 que se desenvolveran con éxito en edicións anteriores. “Logo do éxito da pasada edición, con 2.701 persoas inscritas, o obxectivo é chegar aos 3.500”, afirmaba o rexedor na presentación.

As persoas interesadas poden consultar a programación e horarios na web da Concellería de Educación e inscribirse desde o vindeiro luns, 3, ata o día 31 de outubro, a través de Internet, cubrindo un formulario que se colgará na web o luns ás 9:00h. Recibirán un PDF de confirmación, co número de rexistro, data e hora da mesma. Aínda que o prazo estará aberto ata fin de mes, é convinte facelo canto antes, xa que un dos criterios de admisión será a orde de entrega da solicitude.

A pre inscrición será online. De ter algunha dificultade á hora de facelo a través da internet, poderase acudir á Concellería de Educación (na praza de San Martiño 2, 1º), en horario de 09:00 h a 14:00 h, onde tamén se poderá consultar unha completa guía coa descrición dos cursos.

Entre as novidades, pódense destacar xaponés, kizomba, aromaterapia, ioga, risoterapia, pintura contemporánea, sombrerería, ou educador de rúa. Tamén haberá cursos on line de educador e intérprete ambiental, de técnicas de terapia psicomotriz para a terceira idade, de elaboración de proxectos de animación sociocultural, e preparatorio para Certificación de competencias dixitais. Coachingp ara o emprego, orientación profesional, atención domiciliaria infantil, arquitectura do Renacemento en Galicia, proxectos fotográfico persoal ou xestión económica básica de pequena e mediana empresa son outras das propostas.

A programación completa e a informacion de datas e horarios está dispoñible na páxina www.educacionourense.com.