Os socialistas apostan por campañas informativas e de sensibilización para a adopción de animais.

O PSOE esixirá no pleno a remodelación da canceira

O grupo municipal socialista presentou unha moción para o seu debate e aprobación no vindeiro pleno de outubro sobre «a situación de abandono no que se atopa a canceira municipal», na que tén a súa sede PROGAPE. Un abandono que é patente -relatan os socialistas nun comunicado – no retraso na execución do proxecto de mellora das instalacións que o Goberno do PP vén demorando dende hai máis de un ano, na precaria  situación na que se atopa o persoal que desenvolve as súas funcións diariamente na canceira, na ausencia de campañas de información e sensibilización por parte do Concello de Ourense e tamén na desidia na limpeza das inmediacións e acceso ao albergue de animais, que dende hai meses se atopa feito unha escombreira, dando unha imaxe lamentable.

«É evidente que o actual goberno ten nulo interese nos animais en xeral e por esta institución en particular, cunha ausencia total e absoluta de xestión por parte do alcalde e da concelleira Sofía Godoy», sinalan desde o grupo municipal socialista. Esta formación tamén recorda a urxencia para crear e habilitar unha sala de operación e hospitalización ante o desestimento dos veterinarios de seguir a operar aos animais nunhas instalacións que non requiran estos mínimos, que en principio non se contemplaba no proxecto pero finalmente si «ante as reiteradas peticións dos socialistas e da propia protectora».

Contido da moción

A moción que se debaterá no pleno do 7 de outubro insta ao Goberno municipal a que execute de maneira urxente o Proxecto de Mellora das Instalacións da Canceira Municipal de Ourense, antes do remate do presente ano 2016, a que se comprometa a asignar unha partida económica para destinar á creación e difusión de Campañas de Información e Sensibilización sobre a adopción de Animais en colaboración con PROGAPE no Concello de Ourense e a mellorar o Convenio Anual coa Protectora dacordo coas súas necesidades. Tamén se solicita ao Concello de Ourense que execute  anualmente e de forma previsora labores de limpeza e desbroce antes do verán nas inmediacións da canceira municipal ante o alto risco de incendios que tén e se comprometa a manter limpos os accesos á mesma, e que instale á maior brevidade posible dunha sinalética informativa apropiada na zona tanto da canceira como do Punto Limpo das Eiroás.