O Tribunal di que é a empresa, e non o Concello, a responsable de non ter urbanizado os seus terreos no prazo que fixaba o PXOM.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou sentenza a favor do Concello na que desestima a reclamación de responsabilidade patrimonial dunha empresa que lle solicitaba ao Concello unha indemnización de 3.337.424 euros. A empresa fundamentaba a súa reclamación en presuntos danos ocasionados pola anulación por sentenza xudicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ourense aprobado en 2003.

A Porteliña, S.A. era titular de terreos en Barrocás clasificados como solo urbanizable no Plan de 2003. Como consecuencia da anulación do Plan perderon a condición de urbanizables e pasaron a ser rústicos. A empresa reclamáballe ao Concello 3,3 millóns de euros como indemnización.

A resolución do tribunal galego desbota a pretensión da empresa, e acolle na súa totalidade as argumentacións realizadas desde o Concello.

“No presente suposto conclúese sen dúbida que, se se produciu algún dano para a entidade recorrente, este non resulta imputable á administración ou administracións”, conclúe contundentemente o Tribunal, e cita como motivos que a empresa non chegou a patrimonializar o aproveitamento urbanístico que lle daba o PXOM, mais non por culpa do Concello, senón porque a propia empresa incumpriu os prazos que o Plan fixaba para urbanizar eses terreos.

“A simple anulación dun acto ou disposición administrativa non presupón dereito a indemnización”, lembra o tribunal na súa sentenza,

A resolución do Tribunal apóiase en xurisprudencia do Tribunal Supremo e ditames do Consello Consultivo de Galicia, e di que “o atraso do que fala a recorrente tratando de culpabilizar a administración co demandada non lle é imputable, senón que se debe á propia actuación da promotora, que nos seus diversos trámites acumulou atrasos e aportou proxectos incompletos cando non erróneos que foron informados desfavorablemente”.

A sentenza condena a empresa a pagar as custas do procedemento, fixadas en 5.000 euros “2.500 para o Concello de Ourense e 2.500 para a Xunta, administración co demandada”

A sentenza non é firme, xa que contra ela cabe recurso de casación.