A campaña “En Ourense, merca e reláxate” desenvolverase entre o 8 de outubro e o 8 de novembro.

A Federación de Comercio premia con estancias e circuítos termais aos seus clientes

50.000 tarxetas-rasca serán repartidas durante o vindeiro mes en máis de 400 establecementos da cidade asociados á Federación de Comercio de Ourense. Parte delas terán premio directo: 14 estancias termais nos balnearios de Caldaria, e 350 circuítos termais en Outariz -50 deles incluíndo baño con chocolate-. Deste xeito a Federación quere “fomentar a demanda no comercio local e premiar a fidelidade dos nosos clientes”, explicaba a súa presidenta, Beatriz Gómez.

Esta é a terceira edición da campaña  “En Ourense, merca e reláxate”, que estará vixente entre o 8 de outubro e o 8 de novembro, e na que a Federación conta coa colaboración da Dirección Xeral de Comercio, da Deputación Provincial de Ourense e do Concello de Ourense.

Os rascas xa foron repartidos nas tendas ourensás, que fixarán ao seu criterio o consumo mínimo que deberán facer os seus clientes (en produtos ou servizos) para poder conseguilos. Os premios estarán vixentes ata o 31 de marzo de 2017.

Beatriz Gómez indicou que esta é unha das campañas do comercio de proximidade ourensán de máis éxito, non só entre os consumidores senón entre os propios comerciantes. “A nós fainos moita ilusión que os nosos clientes rasquen as tarxetas e lles salga un premio” explicou. Pola súa banda, o vicepresidente da entidade, José Manuel García, explicou que os clientes participan máis ao darlles tarxetas tipo rascas porque saben no momento se gañaron un premio ou non, tratándose dun sistema máis cómodo que o empregado en edicións pasadas.

Xunto a Gómez e García, participaron na presentación da campaña os tamén membros da Federación Martín Sousa e Marga Díaz, e a deputada provincial Montse Lama.