O parque infantil da Solaina, o Bahamonde, o de o Común (Piñor), Bentraces ou Parada son algúns dos que acollerán reformas.

Barbadás investirá 287.000 euros en melloras de parques, pavimentación e alumeado

O Concello de Barbadás vén de aplicar un expediente de modificación de créditos a partir dos fondos do remanente de tesoureiría, por un valor de 301.104 euros, que serán empregados para a execución de melloras en diversos parques, zonas de ocio, pavimentación e alumeado público, así como nos seus correspondentes proxectos técnicos.

Así, investiranse 71.000 euros na mellora do parque infantil da Solaina (que incluirá a substitución de area por caucho, instalación dunha tirolina e reubicación de xogos e fontes); 60.000 euros serán adicados á renovación do pavimento na rúa Tangaraño e Camiño das Antoniñas en Parada; 51.000 en diversos parques e xardíns (como o do Común, Bentraces, Bahamonde, o dos Amieiros ou o de Parada). Así mesmo, empregaranse 37.000 na instalación de alumeado led na estrada provincial OU-519 (dende o cruce de Parada ata a entrada de Piñor) e 67.500 para a ampliación do camiño da Granxa (Parada).