As inscricións para algún dos 38 cursos poden realizarse ata o 18 de outubro.

Os centros cívicos municipais amplían e renovan a súa programación para o curso 2016/2017 para ofertar novas propostas saudables e de lecer para persoas adultas.

Debuxo creativo como método para a relaxación, adestramento mental, “coaching” nutricional e reeducacción postural son algunhas das novas propostas, centradas en fomentar entre veciños e veciñas da cidade bos hábitos para a saúde física e emocional. Continúan actividades xa realizadas o curso pasado con moi altos índices de participación, como ioga, baile, ximnasia de mantemento, ximnasia abdominal hipopresiva, manualidades ou manexo de móbiles, e informática. Tamén se ofertan actividades interneracionais, con propostas tan diferentes como pilates por parellas, patinaxe, mantemento da bicicleta ou un curso de radio on-line.

As persoas interesadas poderán inscribirse desde o luns 10, ata o 18 de outubro.

O Concello reforza este programa coa finalidade de seguir incrementando o número de participantes, que chegou a mil no curso pasado. Este ano o número de cursos aumentou, engadindo actividades de curta duración para aquelas persoas con menos tempo pero con gañas de participar e facer cousas. Amplíase en cambio a duración do curso de costura para atender a demanda do alumnado participante.

As actividades realizaranse nos cinco centros cívicos do Concello: o da rúa Colón, o da Cuña, o da Ponte, o das Termas e o de Seixalbo.

Os cursos son gratuítos e o único requisito para participar é estar empadroado no Concello de Ourense. As persoas interesadas podenre coller os modelos de solicitude nos centros cívicos e na oficina de Atención Cidadá e presentalos no Rexistro Xeral do Cncello. Na solicitude figurarán as tres actividades favoritas por orde de preferencia. Debido á alta demanda rexistrada nos anos precedentes o criterio de selección será en primeiro lugar a orde de entrada e, en segundo, a orde de preferencia, coa finalidade de que na medida do posible todas as persoas participantes entren nalgún curso e preferiblemente no que elixiron en primeiro lugar.