Esta fin de semana o masculino e feminino caeron ante Camariñas e Moaña, respectivamente.

Sendas derrotas do Nova Xestión Pabellón

Os dous equipos absolutos de Nova Xestión Pabellón, o feminino e máis o masculino, estrelláronse de maneira estrepitosa nas súas saídas da fin de semana.

O Nova Xestión Pabellón sénior masculino de Diego Lorenzo partía cara Camariñas coa ilusión de obter un bó resultado que lle metera na final da Copa Federación; se non directamente si como mellor segundo de grupo. Porén non se cumpriron as espectativas e sairon fortemente derrotados, 33-17 é un resultado bastante elocuente do que aconteceu no partido.

En ningún momento, os de Lorenzo, foron capaces de tomarlle o pulso ao partido e no descanso a diferenza xa era de 19-10. Ademais sufriron a descualificación por cumulación de exclusións de dous dos seus xogadores máis relevantes, Fran e Noguerol.

Unha vez dito adeus na Copa toca pensa na Liga. Esta comeza este sábado e o primeiro rival será o sempre complicado Atlético Novás. O encontro terá lugar este sábado no anexo dos Remedios a partir das 20 horas.

Feminino
Pola súa banda, o Nova Xestión Pabellón sénior feminino de Zarra tampouco fixo un gran partido no seu desprazamento a Moaña. Un maior físico e fortaleza das locais impúxose á falta de tensión e de efectividade das ourensás.

No descanso o partido xa se presumía decidido co 17-8 que campeaba no marcador. A segunda parte solo serviu para aumentar considerablemente as diferenzas. Ao final 35-13, duro correctivo.

O vindeiro sábado toca contra un dos importantes do grupo, o Atlético Guardés, filial do potente equipo da 1ª Liga Feminina Nacional. O partido dará comezo ás 18 horas no anexo do pavillón dos Remedios.