Jesús Vázquez insta ao resto de grupos a poñerse de acordo para aprobar definitivamente o novo PXOM.

O alcalde convocará unha xunta de voceiros sobre a anulación da normativa provisional

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, analizou esta mañá na rolda de prensa trala Xunta de Goberno local, as sentenzas que anulan a normativa urbanística provisional da cidade. Aínda que non quixo entrar en detalle nunha valoración das nove sentenzas, pois de momento “está a asesoría xurídica traballando para informalas e ver que alternativas temos” –explicou- si adiantou que o Concello presentará recurso de casación ante o Tribunal Supremo.  Unha vez teña ese informe xurídico, Vázquez Abad convocará a xunta de voceiros para informar á oposición.

O recurso de casación daría certa marxe de tempo para aprobar de maneira definitiva o novo Plan Xeral de Urbanismo. Esta é a prioridade para o rexedor popular, quen considera que a situación xerada pola anulación das normas provisionais “nos vai obrigar a chegar a un acordo”. Por iso manda recado aos partidos da oposición: “todos temos que ceder”, afirmou, porque “esta cidade necesita aprobar o plan, non podemos tirar os cartos que se levan empregados nin os tres ou catro anos de traballo ao lixo”. O peor dos escenarios posibles, coa normativa provisional anulada polo Supremo e o novo planeamento sen aprobar, suporía, subliña Jesús Vázquez, “a paralización total desta cidade”.

Con todo, o grupo de goberno aínda está a espera de recibir o texto refundido do novo PXOM por parte da empresa redactora, á quen se lle adebeda o pago de 90.000 euros polos seus servizos. Un pago que deberá afrontarse mediante unha modificación orzamentaria para a que o grupo de goberno parece ter xa o apoio da oposición. Jesús Vázquez non sabe aínda cando se levará a pleno.