Este 2016 acadou o Gran Premio da Semana da Crítica de Cannes polo seu traballo en Mimosas.

A 21ª edición do Festival Internacional de Cine de Ourense outorgará o Premio Cidade de Ourense ao cineasta galego Oliver Laxe. Con este galardón, o OUFF recoñece o seu labor de creación e espallamento do cinema galego fóra das nosas fronteiras.

Oliver Laxe (París, 1982) é fillo de emigrantes galegos. Cando tiña seis anos regresou coa súa familia a Galicia para instalarse na Coruña. Despois de estudar cine e realización na Universidade Pompeu Fabra de Barcelona e vivir unha tempada en Londres, realizou as curtametraxes «E as chemineas decidiron escapar» -en colaboración con Enrique Aguilar-, «Soa unha trompeta, agora vexo outra cara», e «París #1». As pezas foron proxectadas e, en ocasións tamén premiadas, en festivais coma o Festival Internacional de Cine de Xixón, o BAFICI, o Indielisboa e o Festival Internacional de Cine de Las Palmas, o Festival de Cine Experimental de Granada, o Filminho e o Play-Doc.

Tras unha estadía en Tánxer e impartir clases de cinema nunha asociación de acollida de menores, xurdiu «Todos vós sodes capitáns», a súa primeira longametraxe. O filme estreouse internacionalmente na Quincena de Realizadores do Festival de Cannes do 2010, onde gañou o premio FIPRESCI da crítica internacional, convertíndose así no terceiro español en obtelo tras Icíar Bollaín (con «Flores de otro mundo» en 1999) e Antonio Méndez Esparza (con «Aquí y allá» en 2012).

Co seu seguinte filme, «Mimosas» (2016), acadou este mesmo ano outro importante recoñecemento: o gran premio da Semana da Crítica do Festival de Cannes. «Mimosas» narra a travería emprendida por tres personaxes que queren dar sepultura ao corpo dun maestro relixioso. En palabras de Laxe, o filme é «unha viaxe xeográfica que vai en paralelo cunha épica interior».

Na actualidade, o cineasta atópase traballando na súa próxima longametraxe, «Aquilo que arde», un proxecto cunha formulación que podería achegarse ao que se coñece coma un falso documental, unha ficción feita con parte de personaxes reais e parte de actores. Trátase dunha ollada moi persoal que xorde da atracción do director pola figura dun pirómano: Ramón.