O compromiso de inserción laboral é do 35%.

O Concello de Ourense, en colaboración coa Xunta de Galicia, porá en marcha un programa integrado de emprego e formación Ourense Emprega dirixido a persoas demandantes de emprego na cidade. E sta iniciativa dará cobertura, durante un ano, a 60 persoas desempregadas cun obxectivo de inserción laboral do 35%, garantindo que 21 persoas atopen traballo. Para o responsable da área de Emprego do Concello de Ourense, Jorge Pumar, o programa supón “unha oportunidade para aquelas persoas que desexen obter unha cualificación profesional e, ao mesmo tempo, integrarse no mercado laboral”

O obxectivo deste programa que se pon en marcha é o de fomentar a empregabilidade de persoas perceptoras de prestacións e subsidios que pertenzan a colectivos vulnerables, como son os de desempregados con discapacidade, en risco de exclusión social (incluídas perceptoras de Risga), mulleres desempregadas vítima de violencia domestica, menores de 30 anos desempregados de baixa cualificación e desempregados de longa duración.

No desenvolvemento do mesmo, buscarase capacitar mediante certificación profesional nos seguintes eidos: curso de vixiante de seguridade; operacións básicas de cociña; atención socio sanitaria a persoas en domicilio; e condutor de vehículos clases C1-C (camión).

Ourense Emprega será xestionado polo Concello, e vén subvencionado pola Consellería de Economía. Emprego e Industria co obxectivo de mellorar a empregabilidade das persoas participantes. Terá un custo de 130.532 euros, dos que 104.426 euros serán achegados pola Xunta.

As persoas interesadas atoparán toda a información sobre o «Ourense Emprega» no Centro de Iniciativas Empresariais  Os únicos requisitos son estar empadroado na cidade de Ourense, estar inscritas como demandante nas oficinas de emprego e acreditar a pertenza aos colectivos anteriormente descritos.