Prevese que as actuacións de rehabilitación da ponte rematen no mes de novembro.

O tráfico nas dúas calzadas da ponte do Milenio restablécese este venres

A Xunta restablecerá este venres, a partir das 17 horas, o tráfico de xeito definitivo nas dúas calzadas da ponte do Milenio.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), está a acometer distintas melloras para poñer en valor a ponte coa fin de reforzar a monumentalidade da cidade e potenciar o atractivo turístico. Estas accións obrigaron a restrinxir a circulación o pasado verán.

Estes traballos estanse a centrar na estrutura, co selado de fendas e a eliminación da corrosión; no taboleiro, coa súa mellora e impermeabilización; e en tarefas de conservación, de retirada de vexetación, canalización das augas ou a reparación do sistema de iluminación.

Estas actuacións, cun investimento de preto de medio millón de euros, comezaron en xullo e marchan a bo ritmo, xa que están certificadas en máis dun 70%, polo que os traballos quedarán totalmente rematados no mes de novembro, devolvéndolle así a funcionalidade a unha infraestrutura emblemática.