O goberno municipal asegura que a empresa encargada da desratificación revisará a zona este sábado 22 de outubro a partir das 9 horas.

O PSOE denuncia a presenza de ratas no parque Xesús Pousa

O Grupo Municipal Socialista denunciou este venres que os veciños e comerciantes da Ponte detectaron a presenza masiva de ratas no parque da rúa Xesús Pousa, que “incluso chegan a introducirse nos seus propios negocios”, aseguran.

Como consecuencia esixiron «o precinto urxente do parque e que se proceda á desratización inmediata”, ao tratarse dunha zona especialmente concorrida por familias con nenos e  cun colexio xusto ao lado.

O Concello responde

Ante esta denuncia dende o goberno municipal aseguraron que “técnicos municipais puxéronse en contacto coa empresa concesionaria encargada da desratificación e revisarán a situación destas zonas do barrio da Ponte este sábado 22 de outubro a partires das 9 horas”.

Así mesmo, dende a Concellería de Medio Ambiente aseguran non ter recibido denuncia por escrito ao respecto e lembran que “as ratas son animais que existen e existirán sempre na cidade, que cumpren unha función específica no ecosistema e que o deber da Administración Local é controlar a súa poboación, algo que se está realizando de xeito efectivo e constante”.