Unha ducia de empresas ourensás participarán nas pasarelas de moda nupcial e de festa.

Máis de 60 expositores acudirán a Celebra

Unha plataforma que presenta a calidade, o deseño e a orixinalidade cos que traballan as empresas ourensás á hora de organizar eventos e celebracións de todo o tipo. Isto será o que ofreza Celebra 2016, o Salón de Vodas, Comuñóns, Bautizos e Actos Sociais que terá lugar en Expourense esta fin de semana do 29 e 30 de outubro e durante a cal os expositores ofrecerán asesoramento profesional. Como é habitual, as pasarelas de moda nupcial e festa serán os puntos fortes desta cita.

A feira “conta cunha forte participación do comercio e de empresarios ourensáns, que grazas á súa involucración, esta cita converteuse nun referente no sector da provincia” según declarou Marisol Nóvoa, Vicepresidenta da CEO. Pola súa parte, Emma González, directora adxunta de Expourense, declarou que “nesta edición, ao coincidir cunha ponte festiva, esperamos poder captar novos clientes potenciais de todas esas persoas e familias de Ourense que viven fóra e fan as súas celebracións aquí”.

A 17ª edición de Celebra contará con máis de 60 expositores, o 76% deles pequenas empresas da provincia de Ourense e o resto procedentes das outras provincias galegas, de Cataluña e Portugal. Todos eles presentarán unha ampla oferta de produtos e servizos cos que dar resposta á complexa planificación de todo tipo de actos sociais tales como vodas, comuñóns, bautizos, reunións de empresas, presentacións e lanzamentos de novos produtos, etc.

Unha ducia de sectores estarán presentes en Celebra, como a restauración, a organización integral de eventos e animación, a  moda nupcial e de festa, axencias de viaxes, aluguer de vehículos, repostería creativa, imprenta, servizos audiovisuais, florerías, xoiarías, fogar ou estilismo.

Dúas pasarelas

As pasarelas volverán convocar ao público que se achegue para coñecer as últimas tendencias en moda nupcial e festa. Terán lugar tanto o sábado como o domingo ás 18.00 h. e contarán coa participación das seguintes empresas: Alvarino (traxes de noivo e cerimonia); Charo López (moda festa); Chévere (animación); Drácena (arranxos florais); En dos detalles (decoración); Loyma (xoiaría); Magic Stories (organización de eventos); Nicandra (moda noivas); Noar Novias (vestidos de noiva e festa); Paris Diffusion (perruquería e estética) e Passion Novias (moda noiva e comuñón). Esta actividade estará coordinada pola Axencia Luena. Todas estas firmas aseguran a organización dun evento 100% ourensán, xa que ademáis todas elas contan con coleccións de fabricación e deseño propio.

Nos últimos anos é tendencia que os noivos sorprendan aos convidados cun baile ou flash mob polo que un dos expositores desta edición, o centro deportivo Moovett, ofrecerá un curso de baile nupcial ao sábado de 12.00 a 13.00 que é gratuíto previa inscrición.

Celebra será ademáis un espazo para visitar en familia xa que contará cun área de actividades adicada aos máis pequenos e que incluirá inchables.

Custo medio dunha voda

As empresas expositoras ven en Celebra unha oportunidade para reactivar o comercio minorista nunha cita á que acode público obxectivo na busca dos produtos e servizos especializados. Ó mesmo tempo, poderán captar novos clientes a curto e medio prazo. Celebra concentra un importante volume de negocio, xa que o custo medio dunha voda en Galicia de 100 convidados está a rondar os 16.320 euros, segundo datos da Federación de Usuarios e Consumidores Independentes (FUCI).

Celebra abrirá as súas portas en Expourense o sábado 29 e o domingo 30 de outubro en horario de 11.00 a 14.30 e de 16.00 a 20.30 horas.