Nas fins de semana do 29 de outubro e do 5 de novembro.

Máis de 300 persoas competirán nas diferentes probas do Torneo de Magic e Videoxogos TMV Cidade de Ourense 2016, que terán lugar esta fin de semana e a do 4-5 de novembro no Espazo Lusquiños da Mocidade, un evento no que os seus organizadores prevén unha asistencia total de máis dun milleiro de persoas provintes de diferentes partes do Estado e tamén de Portugal.

O salón de plenos do Concello de Ourense acolleu a presentación do torneo, coa concelleira de Xuventude, Sofía Godoy, á fronte da mesma: “Os beneficios deste tipo de xogos para a axilidade mental e a relación social dos máis novos saltan á vista, e o Lusquiños é o marco perfecto para desenvolver esta cita”, dixo.

O evento, que acada a súa oitava edición, “vai recollendo novos participantes cada vez”, segundo Alberto Núñez Blanco, organizador do evento xunto a Miguel Pérez Novoa. Nesta ocasión, repartiranse preto de 3.000 euros en premios, sendo as competicións de Magic (o evento estrela, pola participación de todas as partes do estado), Fifa (o xogo de simulación de fútbol por excelencia), Star Wars X-Wing, e as actividades abertas para o público -simulacións aéreas, videoxogos participativos, etc.- os fitos máis destacados do TMV.

Toda a información e inscricións, a través da páxina de facebook do TMV ou nas tendas Xogón e El octavo pasajero.