Albarellos acollerá o día 6 de novembro a terceira edición da carreira popular de Monterrei.

A popular de Monterrei será homologada sobre 10 quilómetros

A proba, que este ano ten caracter oficial, entra dentro do calendario dentro Federación Galega de Atletismo. A proba será o domingo 6 de novembro.

Tanto a saída como a meta estarán situadas na rúa Progreso, na localidade de Albarellos, ao carón da Casa do Concello de Monterrei, onde se realizará a entrega de dorsais.

O lema do evento este ano é “Monterrei é 10”, en alusión aos 10 quilómetros da proba absoluta, que este ano teñen homologación.

Homologada
Este ano a proba está homologada pola RFEA. O circuíto terá unha distancia de 5.000 metros, polo que terán que completar dúas voltas para percorrer os 10 km que consta a carreira absoluta.

As categorías infantil e cadete serán os primeiro en dar o pistoletazo de saída, a súa distancia será de dous quilómetros; benxamíns e alevíns sairán ás 10.50 horas, e percorrerán unha distancia dun quilómetro.
A categoría prebenxamín (nados no ano 2010 e 2011) dará comezo ás 12.35 horas, cun percorrido de 400 metros; e a categoría pitufos (nados no ano 2012, 2013, 2014 e 2015) ás 12.45 horas, e correrán 200 metros.
Ás 11.15 horas será a quenda para a carreira absoluta nas categorías xuvenil, júnior, promesa, sénior e veteranos, que percorrerán a distancia homologada de 10 quilómetros.

Premios
Na categoría absoluta haberá premios en metálico para o primeiro, segundo e terceiro de cada categoría da carreira absoluta, tanto en masculina como en feminina, ademais dunha botella de viño da comarca para cada participante na carreira absoluta.

Inscrición
Os interesados en participar poderán inscribirse na páxina web www.championchipnorte.com (tamén na web do Concello de Monterrei ou na de carreirasgalegas.com ata o día 3 de novembro, cunha cota de inscrición de 5 euros para a carreira absoluta, mentres que a participación nas carreiras escolares é de balde.

En edicións anteriores participaron ao redor de 250 persoas, e nesta edición esperan, desde a organización, conseguir que só na carreira absoluta participen 250 corredores.

A máis rápida
Tamén os organizadores pretenden que sexa o 10.000 máis rápido de Galicia. Expertos da Real Federación que foron a homologar o percorrido advertiron de que, vistas as características do circuíto, podería ser así.

Este aspecto fai que desde o concello intenten que esta carreira chegue a ser Campionato de Galicia da distancia; e incluso nun futuro próximo acolla o Campionato de España.