Denuncian os “continuos desleixos administrativos, que carrexan contaminación e perda ecolóxica irrecuperable”.

OUeC presentará unha moción para a  recuperación ambiental do  Barbaña

Unha das mocións rexistradas por OUeC para defender no pleno de novembro versa sobre o tratamento que o Concello lle outorga ao río Barbaña ao seu paso pola cidade. Se ben entende que as competencias sobre o dominio público hidráulico son da Confederación Hidrográfica dependente do Ministerio, “non é motivo para que o concello de Ourense non leve a cabo unha serie de accións tendentes a axilizar medidas de prevención, de evitación de danos e de recuperación do río”, explican.

Lembran que en xuño do 2009 o Barbaña sufriu o maior atentado ecolóxico que deixou o río “morto”. Un proceso xudicial aberto contra a empresa depuradora e o Concello de San Cibrao está a día de hoxe á espera da súa cualificación como delito ecolóxico. A plataforma veciñal “Ríos limpos” foi a única que presentou querella para facer valer os dereitos ambientais que o río posúe. Resultado deste atentado, o Concello de Ourense pagou 3.569 euros como gasto asociado á limpeza de cadáveres de peixes e doutros residuos. Pero, ademais, incoáronselle expedientes sancionadores por incumprimento das condicións establecidas en autorizacións de vertido con multas que van desde os 3.000 ata os 14.000 euros.

Así pois, “o concello de Ourense non pode evadir as súas responsabilidades respecto ao río Barbaña, tanto como autor directo por infracción administrativa da Lei de Augas, como por ser responsable directo da inspección dos vertidos ao río xa que debe ser garante da saúde das persoas e debe mantér o coidado ecolóxico do municipio”, insisten dende OUeC.

Entre os acordos plenarios da moción inclúese a necesidade de crear un equipo de traballo conxunto entre os Concellos de Ourense e San Cibrao, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e da Consellería de Medio Ambiente para a posta en valor e protección do río Barbaña no seu conxunto e a instalación de detectores de contaminantes no río co fin de evitar os vertidos das zonas industriais e urbanas doutros concellos.