O orzamento municipal prioriza a dinamización económica, a xeración de emprego e a atención a políticas sociais.

Allariz presenta os orzamentos para 2017

O Concello de Allariz acolleu a presentación do orzamento municipal para o vindeiro ano 2017, que será debatido en pleno o día 10 de novembro.

O orzamento do Concello de Allariz para o ano 2017, que ascende a 6.050.791 euros, centra os seus esforzos na dinamización económica favorecedora da creación de emprego e na oferta dun capital social básico cun amplo abano de servizos públicos municipais de calidade que fan de Allariz un concello de referencia en equipamentos e servizos, o que permite seguir medrando en poboación.

A Administración local seguirá actuando de locomotora da economía local e apostará pola xeración de emprego en programas que poidan permitir unha oportunidade de ocupación ás persoas desempregadas. Algunhas das medidas que garantirán a consecución destes obxectivos pasan pola colaboración coa Asociación de Comerciantes e Hosteleiros de Allariz coa posta en marcha dunha campaña de incentivo de compras no Concello – Merca en Allariz – dotada de 4.000 euros en premios; a sinatura dun novo convenio un novo convenio coa Comunidade de Montes en Man Común de Penamá para incrementar o programa de cría de bois de raza limiá; dinamización do Museo da Moda coa implicación de artesáns locais; a instauración do I Premio Vila de Allariz para recoñecer os traballos de desenvolvemento económico e social de Allariz coincidindo coa celebración dos 700 anos de vida da Festa do Boi; un novo impulso aos eventos anuais celebrados en Allariz; o mantemento de bonificacións no ICIO para a localización de novas empresas no Parque Empresarial de Chorente; a celebración do 8º Festival de Xardíns ; incremento turístico- cultural de Santa Mariña cun novo programa de escavacións no Castro de Armea e o Castelo de San Salvador; mantemento do programa RE de reciclaxe e separación orgánica.

Outros gastos contemplados no orzamento parten do capítulo de persoal. Contémplase o pagamento da cantidade pendente da paga extra eliminada polo Goberno central e unha subida do 1% así  como a promoción interna para 2 prazas de axentes da Policía Local e o incremento de prazas nas traballadoras de axuda no fogar e atención a dependencia.

Os investimentos municipais para o vindeiro ano ascende a 1,2 millóns de euros e contemplan o cambio de luminarias de vapor de sodio a equipos de led para reducir o consumo eléctrico no alumeado público e en instalacións como a piscina climatizada, a execución do programa de Camiños Escolares incidindo no acceso seguro ao Colexio Padre Feijoo para os alumnos e alumnas do mesmo, a execución do Allariz 2020 atendendo ás demandas veciñais nas diferentes parroquias e a posibilidade e construír un novo campo de herba sintética na Cidade Deportiva de O Seixo se a Deputación Provincial o inclúe no seu programa de actuacións do que o Concello de Allariz cofinanciaría o 40 % do orzamento.

No exercicio 2017 o Concello procederá a unha importante amortización de préstamos a longo prazo e a carga financeira da débeda municipal situarase, ao final de ano,  por debaixo do 75% dos ingresos ordinarios.

No referente ao capítulo de ingresos destaca o mantemento das ordenanzas fiscais nas tarifas e tipos fixados no 2016 e a aplicación dunha bonificación dun 50% no Imposto de construcións para favorecer o asentamento de empresas no Parque empresarial de Chorente e o IPC en auga e saneamento cunha baixa do 0,4%.

O orzamento municipal para 2017 recolle o financiamento dos diferentes servizos públicos prestados onde pode apreciarse o importante esforzo económico realizado polo concello en servizos sociais e asistenciais, educativos, culturais, deportivos e de fomento do emprego, do comercio e o turismo.