Terá lugar o vindeiro sábado 5 de novembro e inclúe saída ao monte á procura de cogomelos, catalogación, cociña en vivo e degustación e Mercado de Productores Artesáns.

Baños de Molgas organiza a segunda «Xornada Micolóxica»

Baños de Molgas organiza a segunda edición da súa Xornada Micolóxica, que terá lugar o vindeiro sábado 5 de novembro. Unhas xornadas abertas a todos os públicos,
veciños e veciñas do concello e tamén para os que non o son.

A Xornada comezará o sábado ás 10 horas coa apertura do Mercado de Productores Artesáns e tamén a quedada de participantes para a saída ao monte na procura de
cogomelos. Está prevista a chegada da recolección ás 12 horas para realizar a identificación e exposición dos cogumelos apañados durante a mañá.

As persoas asistentes, tanto á exposición de cogumelos, como ao Mercado de Productores Artesáns, poderán disfrutar da «cociña en vivo» e degustación dos cogumelos
elaborados de 12 a 14 horas.

Este ano, tamén como novidade, os establecementos da vila ofrecerán un pincho elaborado con cogumelos e no Hotel Ansuiña tamén poderán degustar no Menú do día,
de productos típicos do outono.

Durante toda a xornada, de 10 a 19 horas, estarán expostos os cogumelos recolectados durante a mañá, e poderán mercar nos diferentes postos de Productores Artesáns que se situarán nas carpas instaladas no «Agro», lugar neurálxico da vila.