Cidade e Envialia xogan contra Poio e Burela, respectivamente.

Dobre derbi galego

A novena xornada da Primeira División de fútbol sala deixa dous derbis galegos para os conxuntos ourensáns.

O Cidade As Burgas recibe este sábado (17h) nos Remedios ao Poio, mentres que o Ourense Envialia visita Vistalegre para medirse ao Burela.

Dispútanse tres puntos importantísimos en cada un dos encontros entre equipos que están moi parellos na táboa clasificatoria.

No partido dos Remedios o Cidade tentará seguir coa racha positiva que o levou a sumar nove puntos nos tres últimos encontros. Diante, un rival nada fácil; un Poio que suma dous puntos máis na clasificación (14) que as ourensás e ocupa a sexta praza.

Burela – Envialia
O outro derbi galego será entre o Burela Pescados Rubén e o Ourense Envialia.

As da Mariña lucense, en pleno proceso de transformación (moitas das xogadoras puntais dos últimos anos abandonaron a disciplina do equipo laranxa) buscarán asentarse nos postos de arriba despois dun irregular inicio de Liga. Agora son quintas con 15 puntos e están  a tres das ourensás.

Pola súa banda, as ourensás pretender dar un paso máis esta tempada e mellorar a quinta posición do ano pasado; vitorias ante equipos como o Burela son necesarias para lograr o obxectivo.

En definitiva, dous derbis galegos moi atractivos con dous equipos ourensáns coma protagonistas.

Agardan as semifinais
Cidade das Burgas e Ourense Envialia cumpriron na última xornada da fase de grupos para clasificarse para as semifinais da Copa Xunta.
Aos dous equipos bastáballes cun empate para clasificarse, pero lograron a vitoria.

O Envialia, coa lei do mínimo esforzo, impúxose en Moaña a O Pirata; os goles de Antía e Lucía foron suficientes para lograr unha vitoria, por 1 a 2, que os mete nas semifinais.

O Cidade, que xogaba na casa, tivo que aplicarse algo máis ante o Leis. O equipo de Pontevedra chegou a ir gañando na primeira metade por un gol a tres. Antes do descanso as de Manolo Codeso lograron empatar a contenda.
Na segunda metade as ourensás souberon ler mellor o encontro e non pasaron apuros para lograr a clasificación. Tres goles máis no segundo tempo para as franxivermellas e ningún polo outro bando deixou o marcador definitivo de 6 a 3.

Novamente dous conxuntos ourensáns volverán estar entre os catro mellores da Copa Xunta.