Os filmes gañadores poderánse ver esta tarde nos cines Pontevella.

«Como me da la gana II» e «Boone» vencen no 21OUFF

«Como me da la gana II» de Ignacio Agüero e «Boone» de Christopher Lamarca foron consideradas como mellores películas das seccións iberoamericana e óperas primas, respectivamente, da 21ª edición do Festival de Cine Internacional de Ourense. Ademais, o xurado do Cineclube Padre Feijoo escolleu a «The dazzling light of sunset» de Salomé Jashi, como mellor película da competición de óperas primas.

O xurado da Competición Iberoamericana, formado por Miriam Reyes Cárcamo García, Luis López Carrasco e Manuel Antonio Yáñez Murillo, premiou «Como me da la gana II» «por explorar o sentido íntimo e ao mesmo tempo universal da expresión cinematográfica. Por reivindicar o valor do interrogante e o extravío na creación e a reflexión ao redor das imaxes». Este xurado tamén entregou o premio Carlos Velo ao mellor director a Gustavo Fontán por «El limonero real», «por mergullarnos nunha realidade palpable e á vez alucinada. Polo seu achegamento sensorial ao duelo e á perda desde unha mirada na que coexisten a familiaridade e estrañeza».

Foron escollidos como mellores actores Juan Lugo Quebrada e Luna Acosta por «Días extraños» de Juan Sebastián Quebrada. E houbo unha mención especial a «Hermia & Helena» de Matías Piñeiro.

Canto ao xurado da competición Óperas Primas da XXI edición do OUFF, formado por Maialen Beloki Berasategui, Miguel Valverde e Felipe Lage Coro, destacou como valores de «Boone» a «creación dunha experiencia inmersiva e non manipuladora. Continuamente intensa, a película non busca empuxar ao espectador a ningún sitio predeterminado senón integralo na súa contorna. Un necesario cinema de resistencia para un modo de vida de resistencia».

Ademais, este xurado acordou realizar unha mención especial a «Las calles» de María Aparicio».

E finalmente, a novidade desta edición, o xurado do Cineclube Padre Feijoo, formado por María Barreiro Muñoz, Laura Iglesias Campos e Mariana Romero González, acordou premiar a «The dazzling light of sunset» «pola mirada da directora e a dozura coa que amosa a realidade do seu país. Por como mantén activo ao espectador, presentando a información de xeito observacional deixando un campo aberto para que cada un configure a súa propia interpretación. Estamos a falar dun filme que destaca pola súa sinxeleza e ao mesmo tempo pola súa complexidade de estrutura, sendo un gran mosaico que chega á perfección ao xuntarse todas as súas pezas».

Este xurado tamén fixo unha mención especial, a «Notes on blindness» de Peter Middleton e James Spinney.

A 21ª edición do OUFF pechábase este venres coa proxección do filme «Pedro Páramo» de Carlos Velo. Con todo, na tarde do sábado poderanse ver os filmes gañadores en tres sesións ás 17:30, 20 e 22:15 horas nos cines Pontevella.