O Circuito galego de xadrez 2016 puxo o seu punto e final este ano coa proba celebrada en Vilagarcía de Arousa o pasado 5 de novembro.

O Club Xadrez Ourense, club máis galardoado en 2016

O circuíto desenvolveuse desde abril ata novembro celebrando un total de 18 probas puntuables, das cales dúas tiveron lugar na provincia de Ourense; sendo das máis participativas.

Na clasificación por clubs o Xadrez Ourense foi o club galego máis premiado, con tres xadrecistas medallistas. O Casa da Xuventude logrou un podio.

Os xadrecistas ourensáns estiveron a un gran nivel. Lograron catro dos 16 premios entre as distintas categorías facéndose cun ouro, unha prata e dous bronces.

Na categoría sub-14, Martín Gómez Carreño (Club Xadrez Ourense), proclamouse vencedor do Circuito galego 2016, por diante do coruñés Jorge Méndez (Xadrez Padrón) que rematou segundo. Destacado foi o final de tempada de Mateo Díaz (Club Xadrez Ourense), que tras un emocionante final nas derradeiras probas puntuables, conquistou finalmente o bronce.

En Sub-12, vitoria do pontevedrés do club Fontecarmoa de Vilagarcía, Andrés Rodríguez Ferreirós. A prata e o bronce viaxaron cara a nosa provincia de mans de César Pérez (Casa da Xuventude) e de Marcos Vázquez (Club Xadrez Ourense). Xacobe Conde e Laura Gómez (ambos compañeiros no Club Xadrez Ourense), a piques estiveron de acadar pódio tanto en masculino como en féminas.

Nas categorías Sub-8 e Sub-10 destacada actuación dos irmáns Pura e Benjamín Diéguez Nóvoa (ambos do Club Xadrez Benchoshey, de Pereiro de Aguiar), que tamén estiveron a piques de meterse entre os premiados das súas respectivas clasificacións xerais. Benjamín conquistou o quinto lugar da clasificación xeral en sub-10, mentres que Pura, en Sub-8, tamén rematou quinta, ademáis de subcampioa en mulleres.