O xurado do premio “Ourensanía” destacou de Sousa a súa importante carreira cinematográfica en Venezuela.

O premio “Ourensanía” 2016 recoñece ao produtor de cine José Sousa

O produtor ourensán de cine José Sousa (Ramirás, 1951) recibiu no día de San Martiño, patrón de Ourense, o Premio “Ourensanía” 2016, nun acto celebrado no Teatro Principal, que contou coa participación dos presidentes da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, ademais de persoeiros dos ámbitos institucional, cultural e social de Galicia.

O premio “Ourensanía” nesta sexta edición recoñece a José Sousa “a súa fonda galeguidade, a súa capacidade integradora e multicultural, e o feito de que non esqueceu nunca dúas marcas de ourensanía: a súa terra nai e o seu interese pola arte”, afirmou Manuel Baltar no seu discurso, engadindo que estes son elementos que integran esa maneira de ser e de sentir Ourense, “unha cultura a través da cal abrímonos ao mundo”.

O xurado do premio “Ourensanía” destacou de Sousa, propietario da productora Xenón Films, a súa importante carreira cinematográfica en Venezuela, “que o colocaron como un dos nomes imprescindibles dentro da industria cinematográfica de Iberoamérica”

José Sousa agradeceu o galardón á Deputación de Ourense, ao presidente Baltar e ao xurado, “da mellor maneira que sei: falando o idioma do cine”, para, de seguido, deixar paso a un documental no que relataba en primeira persoa a súa traxectoria vital e profesional, con momentos de fonda emotividade como foi o da lembranza da súa dona, “piar fundamental no persoal e no noso éxito empresarial”, e do apoio que tivo das súas fillas, familia e amigos. Sousa lembrou que desde a súa aldea de Ver, en Ramirás, a primeira vez que se achegou ao sétimo arte foi no cine Regueiro de Celanova nos anos sesenta. “Alí quedei abraiado polas imaxes, o son, o sentimento… e dixen para min mesmo que iso é o que eu quería facer na miña vida”.

No decurso do acto, o galardoado recibiu unha figura de bronce, obra do escultor Xosé Cid, e unha copia da acta do xurado. No apartado musical actuou a Real Banda de Gaitas, que fixo o tradicional percorrido co premiado e coas autoridades desde a Deputación ata o Teatro Principal, e xa na gala actuaron o dúo integrado por Maria Luz e Raquel Rivera, e a Coral de Ruada, que pechou o acto interpretando “Ourense ao lonxe” e de “Ourense no solpor”, himno oficial da Provincia de Ourense.

O Premio «Ourensanía” é un galardón que concede a Deputación de Ourense como recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais. O xurado do Premio Ourensanía 2016, presidido polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, estivo integrado por Antonio Piñeiro, secretario da Fundación Curros Enríquez (quen actuou como secretario do xurado), e os vogais: Luís González Tosar, presidente do PEN Club de Galicia; Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense; Jesús de Juana, director da UNED en Ourense, Eva Torres, directora do Museo Municipal de Ourense, e Juan Luís Saco, catedrático e intelectual.