O festival Sólodos en Danza trae os días 23, 24 e 215 de novembro ao Auditorio de Ourense o mellor da danza contemporánea iberoamericana.

O mellor da danza contemporánea, no Auditorio

O Festival Sólodos en Danza terá lugar os vindeiros 23, 24 e 25 de novembro no Auditorio de Ourense. Este evento, que se realiza en América desde fai cinco anos recala por vez primeira en Europa na cidade de Ourense. Con esta proposta constrúese unha ponte de cooperación cultural entre dous continentes. Así, artistas procedentes de México, Costa Rica, Alemaña e Portugal visitarán a cidade para bailar co público ourensán e compartir a súa arte con outros procedentes de Barcelona, Alacante, Zaragoza, Madrid, Valencia ou Palma de Mallorca. A arte galega estará representada por bailaríns de Vigo e Lugo.

O día 23 de novembro terá lugar a inauguración do festival e benvida aos artistas internacionais cunha breve intervención artística no Claustro de San Francisco desde as 16:30 horas. O mexicano Jesús Ramírez (Oaxaca) bailará un extracto da súa obra «Nacemento, Vida, Morte”, unha obra que fai referencia ao xénero muxheidad e á súa transcendencia histórica en Mesoamérica.

O día 24 de novembro, ás 11 horas será a actuación para escolares. Os artistas realizarán como parte do proxecto de cooperación cultural, un espectáculo exclusivo para escolares. O obxectivo desta actividade é achegarlle á mocidade as artes escénicas, abrindo espazo para o diálogo entre os escolares e artistas. Un espectáculo onde poderán conversar, preguntar e bailar, unha actividade chea de enerxía, calidade e emoción. O mesmo xoves, de 16:30 a 19:30 horas, haberá obradoiros de formación e clases gratuítas.

O dia 25 de novembro ás 11 da mañá terá lugar o Foro-Danza Cooperación Cultural Iberoamericana, no que intervirán diferentes artistas vinculados á xestión cultural de España, México e Costa Rica.

A clausura de Sólodos en Danza será o venres 25 ás 20:30 horas co Certame de Creación de Dúos e Solos: un total de seis coreografías de creadores e intérpretes iberoamericanos que competirán por varios premios que lles permitirán participar nunha xira e varios eventos en Iberoamérica no vindeiro 2017. Como fin de festa, haberá unha actuación a cargo da compañía galega Quique Peón Cia., coa obra Devotos, creada por Henrique Peón e interpretada por Pedro Lamas.