Manuel Baltar visitou o colexio Padre Feijoo-Zorelle, un centro de referencia no ámbito de “Ciencia Activa”, no que os alumnos poñen en valor estes días as singularidades da provincia de Ourense.

Máis de 8.400 estudantes participan na «Semana Escolar da Provincia»

A provincia de Ourense a través de murais educativos. Este é o proxecto que propuxo este ano o colexio Padre Feijoo-Zorelle dentro das actividades da “Semana Escolar da Provincia e a súa Deputación”, un evento que anualmente organiza a institución provincial e no que participan máis de 8.400 escolares e que ten como obxectivo achegar un mellor coñecemento da nosa provincia á comunidade educativa. O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, visitou hoxe este colexio da capital ourensá, centro de referencia nacional no ámbito das actividades do programa “Ciencia Activa”, para compartir e analizar sobre as experiencias docentes que desenvolve o colexio para a posta en valor das singularidades e potencialidades da provincia de Ourense.

En concreto, o colexio Padre Feijoo-Zorelle desenvolveu ao longo desta semana actividades como entrevistas, traballos manuais, música, programas de radio e blogs en Internet, diferentes formatos de comunicación para explicar a historia, a etnografía, a cultura e o medio ambiente da provincia de Ourense, que os alumnos levaron a cabo coa coordinación dos profesores.

Na súa visita, Manuel Baltar estivo acompañado polo director do centro, Honorato Losada Zorelle, percorrendo as aulas onde desenvolven as actividades e o salón de actos do centro onde o presidente do goberno provincial agradeceu “a implicación da dirección, do equipo docente e dos alumnos nunha tarefa que é de todos os que cremos na nosa terra, a nosa provincia de Ourense, que cada poñemos en valor”.

As actividades da “Semana Escolar da Provincia” rematarán o sábado, 26 de novembro, coa tradicional xornada de portas abertas no Pazo Provincial. Previamente, o vindeiro venres terá lugar a inauguración da exposición pictórica Voces da Ourensanía, do pintor Suso Cubeiro.