O Concello de Ourense adianta o acendido navideño.

O Nadal chega en novembro

O acendido do alumeado de Nadal adiantouse este ano en Ourense máis que nunca e tivo lugar o martes 29 de novembro. O inicio oficial da iluminación artística contratada polo Concello de Ourense – á que destina 82.764 euros- estivo amenizado pola actuación dun coro de gospel na praza Maior, onde quedou instalada a árbore de Nadal.

Pero non será este o único “acendido” previsto nestas festas navideñas pois o venres 2 de decembro, inaugurarase outro alumeado novidoso nas Burgas, cunha composición navideña onde grandes e cativos poderán fotografarse nunha contorna emblemática da cidade. E finalmente, os “acendidos” culminarán o día 16 co alumeado especial diante do tradicional Belén de Baltar, na Capela de San Cosme, que estará ambientado coa actuación musical do coro infantil da Capela Madrigalista.

Así o anunciou o alcalde, Jesús Vázquez, durante a presentación en Santiago da campaña “Ourense con Luz Propia”, lema co que o Concello de Ourense quere posicionar á cidade das Burgas como capital galega do Nadal.

Para esta época o Goberno municipal preparou unha completa axenda de máis de 200 actividades para todos os públicos, co fin de encher o Nadal de ocio, diversión e goce para toda a familia.
A proposta inclúe cultura -coas exposicións de Prego de Oliver e cine en diferentes barrios-, música -con concertos de diversos estilos para público adulto e infantil-, innovación -cun espazo pop up stores na Alameda-, conciliación -con axenda de actividades para os escolares-, deporte -con media ducia de torneos e por primeira vez unha San Silvestre-, con solidariedade -a través de actividades benéficas-, e con participación -a través de obradoiros nas asociacións veciñais-.

A campaña presenta tamén aspectos vangardistas, dixo o rexedor en Santiago, como a conexión con Papa Noel por videoconferencia desde La Molinera, e sorprendentes, como o videomapping, que regresa mellorado á praza Maior; sen descoidar os tradicionais,  coa visita de Papá Noel e dos paxes dos Reis Magos á praza Maior.

Críticas ao alumeado temperá
Ante o acendido das luces navideñas xa no mes de novembro, as primeiras críticas chegaron por parte  de Democracia Ourensana, que o considera “excesivo” pois deste xeito “perde parte do seu efecto”.

As críticas esténdense ao feito de que moitas rúas quedaron sen alumeado, sendo o “centro centro” o que está máis decorado, onde son maioría “as cadeas foráneas, non estritamente comercio local”. Na mesma liña, os comerciantes da Praza de Abastos nº 1 de Ourense queixáronse de que por segundo ano o mercado quedou sen iluminación.

Protesta de Stop Desafiuzamentos

A plataforma ‘Stop Desafiuzamentos’ convocou unha protesta silenciosa ante a inauguración do alumeado navideño na Praza Maior de Ourense. O colectivo xustificou esta acción en que mentres se inaugura a iluminación “nas casas de moitas familias o único alumeado do que disporán será unha mísera vela por non ter os recursos económicos para poder custearse este servizo”.
Neste sentido, desde a plataforma din que non comprenden nin aceptan “como desde unha administración pública como o Concello se fai tan pouco por loitar contra a pobreza enerxética, á que moitas familias ourensás se están enfrontando namentres máis de 80.000 euros das arcas municipais vanse gastar no alumeado navideño”.