Están instalados no Centro Empresarial Transfronteirizo e forman parte dun plan para impulsar o emprego no concello.

O Concello de Barbadás pon en marcha tres niñeiros para novas empresas

O Concello de Barbadás vén de pór tres niñeiros empresariaisa disposición de empresas e emprendedores para que logren facer realidade o seu soño e facilitar a sua implantación e despegue. Así o explicou o tenente de alcalde Xosé Manuel Fírvida na mesa de debate organizada no acto de inauguración para falar de experiencias empresariais singulares que no seu día empezaron en niñeiros e hoxe exportan a países estranxeiros.

Fírvida sinalou a necesidade da “colaboración das administracións públicas no fomento do emprego e no desenvolvemento económico”, aportación que nun contexto de crise económica e dificultades “faise imprescindible  para  o emprego e o emprendemento”. Por elo, o Goberno local de Barbadás tenta, “na medida das nosas posibilidades, participar activamente para axudar a aquelas persoas que se atopen no desemprego, facilitándolles formación, e para aquelas persoas que opten polo autoemprego, facilitar a súa implantación e favorecer a creación de negocios en Barbadás”.

Para facer realidade iste anceio, o teniente de alcalde de Barbadás, indicou que “dende o CET, coa axuda de Lucía Rodríguez, a súa directora, elaboramos un plan de actuación encamiñado en varias vertentes”, que abranguen a creación dunha Oficina de Promoción Económica de Barbadás, para tratar de dar emprego a persoas desempregadas do concello; redacción dun plano de oportunidades de Barbadás, realizado en colaboración coa Universidade de Vigo; en terceiro lugar, regulamos unha liña de subvencións á creación de novas empresas ou negocios en Barbadás de implantación no ano 2016, dun máximo de 2.000 euros por negocio, e que repetiremos en 2017”.

O uso dos niñeiros será simbólico, cun aporte de 10 euros mensuais e estarán dotados de luz, auga e internet, limpeza, asesoramento e actividades de formación para os seus traballadores/as, ademais dos espazos común do CET. Fírvida anunciou tamén que o concello ten en estudo outras liñas de apopio ó medio rural para potenciar os recursos endóxenos do concello, “que agardamos facer realidade ao longo de 2017”.

Na mesa redonda, que estivo moderada polo profesor Andrés Mazaira, participaron Luis Hermida Cachalvite Manzano, de Egatel; Gerarado Rodríguez Maratínez, de Redegal, e Nuria Sotelo Rodríguez de Profocus. Todos eles se amosaron firmes defensores dos niñeiros empresariais, como un impulso que pode ser decisivo para axudar a consolidar os proxectos de emprendemento. Niste senso apuntouse que as estatísticas apuntan que as empresas que se establecen en niñeiros o seu índice de fracaso sitúase no 9%, que sube ata o 46% no caso das que arrancan fora diste entorno.