A gala central do Festival está prevista para o sábado, en Ramirás, coa participación de sete grupos chegados dende diferentes puntos do mundo.

Comeza a undécima edición do Festival Internacional Rebulir

O concello de Ramirás convértese, un ano máis, no berce do Festival Internacional Rebulir (FIR), que arrancou hoxe a súa undécima edición avogando, como leva facendo dende os seus inicios, pola música de raíz.

O certame, organizado pola Asociación Cultural Rebulir, o Concello de Ramirás e a Deputación de Ourense, co apoio da Xunta de Galicia por medio da Secretaría Xeral de Cultura e a Secretaría Xeral de Emigración, foi presentado no Pazo Provincial, nun acto no que participaron o asesor de Cultura da Deputación Provincial, Aurelio Gómez; a secretaria territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Silvia Dorado; a directora xeral de Xuventude e Voluntariado, Cecilia Vázquez; o alcalde de Ramirás, Carlos Rodríguez; e o director artístico do FIR, Alexandre Sotelino.

Na súa quenda de intervención, Sotelino destacou que, chegados a este punto, “o Festival estase convertendo nunha cita referente pola súa sona, non só en Galicia e norte da Península, senón tamén no estranxeiro”. Nesa liña, salientou “o orgullo que supón para nós que tanta xente queira participar, o que pon de relevo o traballo que levamos ás costas”.

Unha das principais novidades que chega nesta undécima edición é a incorporación dunha xornada máis á programación, que vai dende hoxe ata o domingo. “Trátase de acadar máis núcleos culturais, educativos e sociais do que ata agora se achegaba e chegar a ter unha repercusión local e comarcal, pero tamén provincial e máis alá das fronteiras de Ourense”, explicou o director. É por iso polo que o FIR 2016 conta cun amplo programa de actividades dirixidas a maiores, nenos e todos os públicos en xeral.

Gala en Ramirás

A gala central do Festival, presentada polo actor ourensán Diego Freire, acollerá actuacións de seis grupos, ademais do colectivo anfitrión, Rebulir. Mostrarán o seu folclore as agrupacións G.F. Mar de Arousa (Vilagarcía de Arousa), AFM Villa y Condau de Noreña (Asturias), Coros y Danzas El Miajón (Extremadura), G.F. Casa do Povo de Cacia (Portugal), Batuko Tabanka (Cabo Verde) e Lous Crabots de Semisens (Francia). Asemade, mostrarán sobre os escenario os seus traxes e tradicións “con gran calidade artística e unha ampla traxectoria ás costas”, engadiu o director.

Por outra banda, Leilía e Marcos Pereiro e Xosé Antonio Touriñán recollerán os Premios Rebulir 2016, “por traballar en prol da cultura galega e ter esa capacidade de facer humor na nosa lingua, respectivamente”, explicou o responsable. A Banda Municipal de Música de Ramirás será recoñecida co Premio Homenaxe, “dada a nosa amizade, o traballo conxunto e a súa traxectoria”.

Por último, Alexandre Sotelino fixo fincapé no agradecemento ás institucións que apoian o FIR e ás 40 empresas e entidades que “apostan por dar a man, un ano máis, á música de raíz” e convidou “a todas aquelas persoas que queiran asistir a unha gala chea de sorpresas e emocións”.

Durante a súa intervención, o alcalde de Ramirás destacou que “esta é a xornada cultural máis importante que temos no noso Concello, polo que nos honra colaborar con esta agrupación que xa botou raíces entre os vecinos e que agardamos que así siga sendo durante moitos anos”.

Pola súa parte, a directora xeral de Xuventude e Voluntariado salientou que o Festival Internacional Rebulir “aglutina nunha única iniciativa tres dos eixos fundamentais que impulsta a Xunta de Galicia: participación, creatividade e mobilidade xuvenil”. Asimesmo, adiantou que “o FIR nos mostrará o enorme talento da nosa xuventude, pero tamén a que chega de outros puntos do mundo, polo que é un pracer colaborar con apostas que camiñan da man das liñas da Xunta”. Cecilia Vázquez non se esqueceu de desexar o maior dos éxitos para esta edición e as vindeiras.

A secretaria territorial da Xunta de Galicia en Ourense salientou “o gran labor que dende Rebulir se fai en prol da cultura, polo que para a administración autonómica o apoio é moi doado”. Silvia Dorado rematou subliñando a colaboración e a aposta das institucións.

Por último, o asesor de Cultura da Deputación felicitou á organización do Festival “polo traballo ben feito” e destacou a “importancia de levar a cabo este tipo de iniciativas no rural, para facer fronte á ampla oferta que caracteriza as capitais”. Aurelio Gómez insistiu en que “esta cita xa ten a súa raíz botada, sinal de que se vai no bo camino entre as tres administración e a organización e non ten risco de desaparición”.