Recopilamos a programación de Nadal dos concellos de Verín, Monterrei e Castrelo do Val.

Volve a pista de xeo a Verín

Por segundo nadal consecutivo, os nenos e maiores afeccionados á patinaxe sobre xeo terán un incentivo máis en Verín. Grazas á colaboración do Concello coas asociacións de hostalaría e comercio, AEHCOM e AEVER, entre o 22 de decembro e o 1 de xaneiro estará instalada unha pista de xeo na Praza Maior. Ademais, para dinamizar o comercio local, o día 3 de xaneiro celebraráse no Pavillón de Deportes unha “Gala Máxica”, con magos e ilusionistas, e o sorteo de 1.000 euros para gastar nas tendas de Verín.

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, destacou que estas actividades, inscritas na programación de Nadal do Concello, están pensadas “para sacar á xente á rúa, porque se non saen a rúa, non van comprar na vila”. Fixo un chamamento a todos os veciños e veciñas a mercar no comercio local, e destacou a importancia e as vantaxes da economía de proximidade, que ofrece maior calidade e servizo.

A pista de xeo estará instalada na Praza Maior dende o 22 de decembro ata o 1 de xaneiro, en horario de 11 a 14 horas, e de 16 a 22. O prezo da entrada será de 4 euros, con descontos de 2 euros por realizar compras ou consumicións no comercio ou na hostalaría local. O presidente dos comerciantes, José Ángel Rodicio, destacou que “o ano pasado foi un gran éxito, por iso este ano agradecemos moito ó Concello que retome a idea”.

Explicou que a presenza de actividades lúdicas axuda a “dinamizar e facer agradable” a presenza de xente na rúa de compras, e reiterou o seu agradecemento ó consistorio “nun momento moi delicado para o comercio en Verín, no que a xente ten que ser consciente da importancia de realizar aquí as súas compras”.

Gala Máxica
Dentro das actividades de promoción comercial auspiciadas polo Concello de Verín, AEVER e AEHCOM, foi presentada a “Gala Máxica”, unha celebración que terá lugar o 3 de xaneiro no Pavillón de Deportes ás 19.30 horas, e que contará coa actuación dos artistas Mago Xacobe e Magomimo Anyo, e no que se outorgará un importante premio.

Trátase dun premio único de 1.000 euros, a sortear entre os que fixeran compras de máis de 10 euros no comercio local, e que terá que ser gastado tamén en Verín. O sorteo será presencial, e a única condición é estar presente no momento do sorteo portando consigo o boleto adquirido.

A  ludoteca amplía horario

Debido ás numerosas peticións qu recibiu, o Concello de Verín acordou ampliar o horario do servizo da ludoteca infantil de Nadal ‘Ludonadal’, pasando a estar dispoñible de 9 a 14 horas e de 16 a 20 horas.  A ludoteca funcionará desde o 22 de decembro ata o 6 de xaneiro, no Pavillón de Deportes Municipal. Alí os participantes terán obradoiros, xogos, contacontos e mesmo un cotillón infantil o 21 de decembro.

“Ludonadal” vai dirixida a menores de entre 3 e 13 anos, e ten por obxecto facilitar a conciliación dos proxenitores e proporcionar aos cativos un espazo de lecer durante as vacacións de Nadal

II Feira de Nadal

Os próximos sábado e domingo, 17 e 18 de decembro, a praza Maior de Verín acolle a II Feira de Nadal, organizada polo Concello, que contará coa participación activa das nenas e nenos da vila, con postos onde porán a disposición dos veciños os seus propios productos artesanais. A feira contará con animación, concursos e música.

O evento comezará o sábado ás 11 da mañá, permanecendo aberto o recinto ata as 14.30 horas. Haberá cursos de cociña e abrirán todos os postos de doces de Nadal, artesanía, cestas navideñas, decoración e productos típicos. Pola tarde, o recinto abrirá ás 16.30, e estará activo ata ás 20.30. A estrela da tarde do sábado será o Apalpador, que acodirá ás 17.00 para facer as delicias dos máis pequenos. Ás 19.00 terá lugar un recital de panxoliñas interpretado polas corais da vila.

O domingo, tamén de mañá e de tarde, continuarán as actividades infantís e os obradoiros. Pola tarde, tamén as 17.00, se desprazará ata Verín Papá Noel, para recibir as peticións dos máis pequenos da vila. O serán estará amenizado con bandas de gaitas.

Programación en Monterrei

Concursos e actividades infantís conforman o programa navideño de Monterrei. O Concello oferta a súa propia ludoteca de Nadal, que se desenvolverá do 22 de decembro ao 5 de xaneiro, en horario matutino, en Albarellos e Medeiros. Está destinada a menores de 3 a 12 anos.

Os cativos do municipio tamén poderán participar nun concurso de postais de Nadal, ou acudir a Pazolandia o 28 de decembro. En ambos casos é preciso á inscrición no Concello.

Asemade, non quedarán sen a visita de Melchor, Gaspar e Baltasar, que pasarán pola Casa da Cultura de Albarellos a mediodía do 5 de xaneiro.

E para o conxunto da veciñanza de Monterrei, o Concello organizou a segunda edición do concurso de beléns. Poderán participar asociacións, colexios, entidades e particulares do municipio, que se inscriban antes do 19 de decembro. Haberá un primeiro premio de 100 euros e un segundo de 50 euros, que se darán a coñecer durante a recepción dos Reis Magos, o 5 de xaneiro.

Programación en Castrelo do Val

O Concello de Castrelo de Val organiza actividades para os máis pequenos da casa durante as festas de Nadal. Serán os días 26, 28 e 30 de decembro, e os días 3 e 5 de xaneiro, e están dirixidas a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos.