A Concellaría de Servizos Sociais levará a cabo a doazón de produtos alimenticios e propios destas datas en tres martes consecutivos a través do Banco Solidario Municipal.

O Concello de Barbadás entrega unha bolsa solidaria de Nadal ás familias máis necesitadas

O concello de Barbadás a través da Concellaría de Servizos Sociais e máis concretamente desde o servizo Banco Solidario “Teu, Meu, Noso”, que está de aniversario por estas datas, acaba de pór en marcha unha acción solidaria consistente na entrega da denominada “Bolsa solidaria”, elaborada con distintos productos alimenticios e algúns máis propios das datas do Nadal. A primeira entrega tivo lugar o pasado martes e terá continuidade nos dous seguintes, os días 27 de decembro e 3 de xaneiro, respectivamente.

Segundo o concelleiro de Servizos Sociais, Sarín Núñez, “o noso departamento adoita estar todo o ano ao lado dos máis necesitados e dos veciños que atravesan por situacións de dificultade. Por elo, chegadas estas datas queremos achegarnos un pouco máis a todas aquelas familias do concello que máis o precisan, por entender que se trata de tempos cheos de fondas tradicións e raigame entre a nosa xente e por iso decidimos aportar o noso grao de area para que todos os veciños poidan ter a súa celebración”.

Sarín Núñez subliña o papel xogado nesta iniciativa polo voluntariado, “que atende este servizo todas as semanas. Sen o seu esforzo, este proxecto non sería posible”. Por iso, o concelleiro quere “deixar testemuña expresa do meu agradecemento e o da institución municipal”.

A entrega das bolsas solidarias do Nadal realízarase os dous próximos martes no local da rúa do Ensino, nº 5 no horario normal de apertura desde servizo, comprendido entre as catro e as seis da tarde.